Persoas con capacidades diversas piden a súa inclusión social para «gozar, divertirnos, amar»

J. G. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Sandra Alonso

O Cermi e 78 colectivos galegos fanse visibles no día internacional das persoas con discapacidade. Alertan da «soidade non querida» e únense «baixo o mesmo paraugas»

03 dic 2019 . Actualizado ás 23:25 h.

 Persoas con capacidades diversas pertencentes a varios colectivos fixéronse visibles no Día Internacional das Persoas con Discapacidade, instaurado pola ONU en 1992, para alertar contra a soidade non querida de numerosos integrantes do colectivos e poder «gozar, divertirnos, amar». En Santiago celebráronse dous actos institucionais: un promovido polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi), que contou cunha ampla representación da Xunta, coas conselleiras de Política Social e Educación; e outro con 7 entidades, no Obradoiro, con participación do alcalde e representantes de todos os grupos municipais, que finalizou con todas as persoas que participaban acolléndose baixo paraugas, para pedir que se respecten os dereitos dos diversos colectivos. Nas outras seis cidades galegas de maior poboación promovéronse actividades semellantes á do Obradoiro, con implicación de 78 entidades en total, indicou Rebeca Munín, de Down Compostela, que exerceu como portavoz e presentadora. En ambos se leron manifestos.

 «Segundo os estudos sociolóxicos dispoñibles, máis dun 20 % das persoas con discapacidade viven soas e un 38 % destas persoas viven en soidade non desexada. O 74 % das persoas con discapacidade que viven soas son mulleres», indicaba o manifesto do Cermi, leido por un portavoz da Federación Autismo Galicia. Alertaba da soidade non desexada do colectivo de persoas con discapacidade como «unha das secuelas das sociedades chamadas a se mesmas avanzadas. As mulleres e homes con discapacidade enfróntanse no seu día a día a situacións de illamento social, de separación da vida en comunidade, que provocan maiores doses de soidade forzosa». Reclamaban unha mobilización pública e cidadá e estratexias adecuadas para mitigar ese illamento, con medidas como a«adopción dunha estratexia estatal de inclusión na comunidade que permita ás persoas institucionalizadas vivir segundo os seus propios desexos e preferencias, acolléndose a fórmulas de vida inclusivas na comunidade».

 «En España somos case 4 millóns de persoas con discapacidade e en Galicia, máis do 8 % da poboación. Somos a minoría máis ampla do mundo, pero aínda cada ano saímos a reivindicar cuestións tan básicas, e ás vez, tan complicadas de alcanzar como a accesibilidade plena dos espazos públicos e privados, unha inclusión educativa real ou a garantía de poder acceder a un emprego en condicións de igualdade», indicaba o manifesto leido no Obradoido por Óscar, Paula, Manuel, Vicente e Maribel, cinco representantes as entidades que promovían o acto: a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, a Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade de Teo (Aspamite), Down Compostela, a Federación Galega de Dano Cerebral, a Federación Galega de Esclerose Múltiple, a Asociación Sarela de Dano Cerebral Adquirido, e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes). «Queremos sentirnos acompañados, queridos, comprendidos. Queremos gozar, divertirnos, amar» salientaba o manifesto. Reivindicaban os «paraugas de cores» como sinal de identidade e concluían proclamando: «temos capacidades e moito que achegar!». Este acto conmemorativo celébrase en Galicia desde o 2016.