Rodeada de misterio, celebrarase nun lugar indeterminado de Santiago o día 14
06 dic 2019 . Actualizado ás 22:11 h.Foi este pasado novembro cando se cumpriron dous anos desde que a inqueda Graciela Castro, dona da firma de eventos On e Vá, puxese en marcha en Santiago a primeira das súas ceas clandestinas, unha singular experiencia na que os comensais descoñecen o menú e ao resto de participantes ata o mesmo momento da cita, unha tendencia secreta en auxe que se foi estendendo por Galicia e á que aos poucos a mestra de cerimonias foi sumando ingredientes, como o de engadirlle aires románticos -cun formato similar aos das citas a cegas- ou o de reconverter o banquete nunha festa, un xiro que porá de novo en marcha na capital galega a próxima semana.
«A festa parte da mesma idea das ceas clandestinas, a de atraer a xente que teña ganas de probar cousas novas e pasarllo ben nunha velada distinta», aclara xa de inicio esta grovense que, a pesar de gardar con celo todo o misterio, si apunta algunhas pinceladas da celebración que acollerá a capital galega o próximo 14 de decembro a partir das 21.00 horas e coa que busca ofrecer unha alternativa orixinal e xa preparada ás clásicas ceas do Nadal. «Todos os que se apunten recibirán unha mensaxe dous días antes da festa coa dirección e a hora onde se deberán presentar», desliza a nova, especializada na organización de eventos novos, apuntando que o lugar especificado non ten por que ser precisamente o escenario da enigmática festa. «Pode ser que nese punto se atopen pistas ou a un guía que os conduza ata ese espazo clandestino e ata un pouco decadente que acollerá a velada na que os participantes, a diferenza das ceas, non estarán sentados e na que o menú será a base de picoteo», precisa. Lendo entrelíneas, e por experiencias anteriores, adivíñase que o lugar escollido apostará de novo pola singularidade. «Só fixemos un nun restaurante; os outros eventos clandestinos foron en galerías de arte ou, mesmo, no baixo da que foi a chocolatería Raposo», comenta a alma máter galega deste modelo de restauración que xa conta con «seguidores fieis» entre os composteláns.
A maioría dos seus clientes teñen un perfil similar. Adoitan ter entre 30 e 55 anos e entre eles cóntanse tanto parellas -«aínda que non son a maioría»- como persoas a título individual con ganas de «ampliar círculos de amigos e de vivir unha experiencia distinta», insiste a organizadora.
Para a próxima cita clandestina a capacidade está limitado a 35 persoas. Os que desexen ir, non saberán moito máis, salvo que se teñen que apuntar na dirección info\