A película «A Galiña Turuleca» estrearase en Santiago e servirá de apoio para a Fundación Andrea

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

A súa gala anual reuniu a preto de 500 asistentes e entregou catro varitas máxicas

24 novs 2019 . Actualizado ás 10:23 h.

A Fundación Andrea sempre se garda algún as na manga para a súa gala anual, un encontro que reuniu a preto de medio milleiro de asistentes e contou, un ano máis, co actor Francis Lorenzo e a presentadora Yolanda Vázquez como mestres de cerimonia. Entre as sorpresas de onte, desvelouse que Filmax decidiu que a súa próxima estrea de animación, A Galiña Turuleca, sexa en Santiago. Cara a mediados do próximo mes despregará a alfombra vermella na cidade e virá o equipo (encabezado por Eva Hache e José Mota, que dobran aos protagonistas). A produción dará pé a unha acción solidaria a beneficio da fundación que presta apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, presidida por Charo Barca. A Xunta tamén se comprometeu proxectar a película en sete hospitais galegos para achegar a maxia do cine aos nenos ingresados. Ademais, na gala entregáronse catro varitas máxicas. Recibíronas a conselleira do Mar Rosa Quintana «por tantos e tantos anos de fidelidade e compromiso coa fundación; o empresario José Ramón García, quen ademais de apoiar a causa desde hai anos fixo a principal achega para a apertura hai dous meses do parque infantil no CHUS; Montse Otero Andión, directora da escola do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); e a Sonia Valiño, nai de Alejandra, unha das familias afectadas polos ingresos e que promoveu multitude de actividades en Melide a favor da a Fundación Andrea. 

MÁIS HISTORIAS DE PATRICIA CALVEIRO