Santiago estrea estación de carga de gas natural para vehículos

X. M. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

A «gasinera» está situada no polígono do Tambre e é a primeira dispoñible na provincia coruñesa

19 novs 2019 . Actualizado ás 20:53 h.

Santiago xa conta coa súa primeira gasinera, a palabra escollida para designar ás estacións de servizo para vehículos que en lugar de fornecer gasolina ou gasoil cargan gas natural comprimido (GNC). Non só é a primeira de Compostela, senón tamén de toda a provincia da Coruña e a segunda de Galicia. Está situada na gasolineira de Staroil situada no polígono industrial do Tambre e foi inaugurada polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo e o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.

No acto tamén estiveron os responsables das dúas empresas que fixeron posible a apertura da gasinera. Por parte de Naturgy acudiu o seu delegado de Proxectos Mobilidade Zona Norte-Portugal, José Antonio Sánchez Loureda, e pola de Staroil o xerente da estación situada no polígono, Juan Lago.

Concretamente, a estación de carga de GNC está situada dentro do mercado de froitas e verduras de Galicia (Mercagalicia), unha localización elixida polo seu gran valor estratéxico e loxístico tanto por ser un centro de tráfico de mercancías como por estar moi preto do centro de Santiago a través da estrada de circunvalación compostelá, a SC-20, e conectado coa autoestrada AP-9.

A instalación conta con dous chafarices que poden fornecer tanto a vehículos lixeiros como pesados. A posta en marcha desta estación de servizo de gas natural comprimido enmárcase dentro do proxecto de fomento da mobilidade da empresa Naturgy, cuxo obxectivo é promocionar o uso do GNC como mellor alternativa fronte aos combustibles fósiles, que son máis contaminantes.

Ata onte, só había outra gasinera en Galicia, a de San Cibrao das Viñas (Ourense), aínda que xa están en fase de proxecto e construción as de Vigo e Vilalba (Lugo). O GNC, ademais de ser eficiente desde o punto de vista ambiental, ofrece un custo por quilómetro para o usuario que é un 30 % menor que o gasoil, un 50 % menor que a gasolina e un 20 % menor que o gas licuado do petróleo (GLP).