O temporal tira árbores e ocasiona un regueiro de incidentes na área

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Raxoi pecha varios parques ata que remita a alerta e habilita un espazo para aloxar ás persoas sen teito

15 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O forte temporal que durante a xornada de onte varreu Galicia deixou un regueiro de incidencias na área de Santiago que se saldaron sen consecuencias persoais graves, pero que provocaron múltiples danos materiais. Os fortes refachos de vento, que en Compostela chegaron a superar os 97 quilómetros por hora, derrubaron varias árbores. No recinto do colexio Rosalía de Castro, en Padrón, a caída dun piñeiro de gran tamaño obrigou a cortar a vía que sobe ao centro educativo e ao monte Santiaguiño, informa Uxía López. O vento tamén tombou unha árbore sobre a calzada do viario que conecta Sigüeiro con Lavacolla, o que obrigou a cortar o tráfico ata a súa retirada. Tamén en Melide deron aviso ao 112 pola caída de árbores sobre estradas secundarias na Garea, San Salvador, Piñor e no tramo do Camiño de Santiago que pasa por Parabispo, na parroquia do Barreiro. En Arzúa, unha árbore esnaquizou a cuberta do restaurado lavadoiro veciñal de Ferradal, e na parroquia de Pantiñobre outro se derrubou sobre o tellado dunha casa deshabitada, informa Natalia Noguerol. En Ames, a caída dunha árbore dano un turismo, e fíxose necesario retirar ramas e troncos en varias vías, informa Emilio Forján. O temporal tamén provocou accidentes de tráfico. No quilómetro 5 da autovía do Barbanza, no municipio de Dodro, o vento desprendeu dous paneis antirruidos, que acabaron no medio da vía e contra os que chocaron dous coches, causando dous feridos leves.