Coches clásicos, aposta segura

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Santiago acolle 80 coches antigos na praza do Obradoiro

24 sep 2019 . Actualizado ás 03:01 h.

Os coleccionistas de coches antigos danse cita na Praza do Obradoiro para mostrar as xoias do automobilismo, na novena Concentración de Coches Antigos e Históricos, promovida pola Asociación Compostela Monumental. Os vehículos foron chegando aos poucos, e a partir de únaa do mediodía houbo na praza oitenta coches, que permanecen ata media tarde. O número é inferior ao do pasado ano, cando se contou con 170 vehículos. Este ano, inscribíronse na concentración oitenta coches, e só un participante decidiu suspender a viaxe polo mal tempo previsto para a xornada de hoxe. Aínda que os demais non renunciaron á concentración, algúns optaron por cambiar de vehículo "para viaxar cun máis cómodo e que se adapte mellor á choiva", segundo comentou Juan Carlos Pérez, organizador do evento que chega á súa novena edición. O participante que chegou desde máis lonxe é un procedente de Santurce (Biscaia), e que chamou a atención ao entrar no Obradoiro cun coche convertible, claro que coa capota posta para evitar que a choiva miúda e intensa que cae sobre Santiago cause danos no vehículo. Os máis antigos da concentración son varios coches dos anos 20 e que pertencen a coleccionistas de Santiago. Estes son un Dodge, un Aurburn e un Fiat Balina. Entre os máis fotografados están os Mercedes dos anos 60, o Rolls-Royce de 1955 e o Cadillac de finais dos 50. Da colección de Caeiro acudiron á concentración catro vehículos, entre os que están dous Alpine. 

Juan Carlos Pérez explicou que, á marxe do valor económico dos vehículos, os seus propietarios valóranos desde os "sentimentos", e é que "moitos dos coches teñen un valor sentimental máis alto que o económico, porque se trata de automóbiles que levan toda a vida na familia, ou foron restaurados desde cero ou porque é o primeiro coche que compraron e téñenlle especial cariño".