«É moi divertido, nunca vin algo así»

La Voz LARA LEMA, I.C. / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Na véspera do Apóstolo, xigantes e cabezudos amenizaron un centro histórico abarrotado

25 jul 2019 . Actualizado ás 18:58 h.

Xigantes e cabezudos amenizaron a mañá compostelá nas prazas da Quintana e O Toural, no día previo á festa máis grande da cidade. Ás 12 da mañá, despois de que as bombas de palenque fixesen acto de presenza, maiores e pequenos encheron as rúas do centro histórico, onde se respiraba un ambiente festivo e alegre. O tempo tamén acompañou, con temperaturas agradables que mantiñan as terrazas cheas.

Co son de gaitas e tambores como música de ambiente, os máis emocionados non eran os nenos, senón os estranxeiros. «É moi divertido, non vira antes algo así», comentaba Ben, un turista estadounidense. Todos mantiñan os seus teléfonos móbiles e cámaras o máis alto posible para gravar o mellor vídeo, ou o mellor directo de Instagram, como no caso dunha turista italiana, Karina, que quería que todos os seus amigos e familia puidesen gozar do espectáculo. Un dos momentos de máis entusiasmo viviuse cando a banda empezou a tocar A cascuda, con toda a praza repleta de xente cantando e dando palmas ao unísono mentres os cabezudos bailaban.

Sin duda a peor parte leváronlla os pais e avós, obrigados a cargar cos pequenos nos ombros para que puidesen ver entre tanta xente. Outra das súas tarefas foi seguir aos xigantes e cabezudos no seu percorrido polo centro histórico, para que os nenos non se perdesen nada do espectáculo.

Como todos os anos, algúns dos máis pequenos querían todo menos ver o que sucedía, asustados polo tamaño e o aspecto das figuras, buscando refuxio nos ombros dos seus pais. Con todo, outros mesmo se animaron a saír a bailar con eles, baixo a atenta mirada dos maiores, que gravaban cos seus móbiles.

Ao final da mañá os xigantes quedaron expostos na rúa do Vilar, onde a xente aproveitou para facerse fotos con eles.