Unha mostra arqueolóxica quere «facer falar» a pezas de 3.000 anos

L. Lema / I.c.

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

A idea é mostrar a vida destas pezas desde o momento da súa produción ata hoxe

19 jul 2019 . Actualizado ás 04:50 h.

O Pazo de Fonseca acolle desde onte unha nova exposición arqueolóxica, «Cinco vidas, unha historia», que poderá visitarse ata o 1 de setembro. A mostra conta con vinte e dúas pezas metálicas de ao redor de 3.000 anos de antigüidade, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador do Ramón e Cajal do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit).

Esta exposición ten como singularidade o seu enfoque biográfico. A idea é mostrar a vida destas pezas desde o momento da súa produción ata hoxe. O investigador sinala que o obxectivo é «facer falar o obxecto», xa que é o único xeito de coñecer as sociedades do pasado.

Dividen a historia das pezas en cinco partes: a creación na Idade de Bronce Final (1300-850 a.C.), o enterramento como parte de rituais relixiosos, o seu descubrimento de xeito casual por campesiños, o paso a mans da Universidade e o seu proceso de estudo e investigación no século XXI. Na mostra pódense atopar documentos orixinais, que permiten coñecer como chegaron os obxectos á Universidade.

Está previsto que a exposición se traslade a outras sedes no outono deste ano e no 2020.

De 10 a 12 horas

O magacín de Alberto González informará da actualidade de Santiago e a área metropolitana. Ademais, estará o concelleiro Gonzalo Muiños para falar das Festas do Apóstolo, que empezan hoxe. Tamén contará co baixista de Kind of Soul, Pío Barreiro, que actúa hoxe no Toural. O portavoz das de asociacións que conformaban a Festa con Alboradas, Marcos Varela, falará da súa ausencia nos festexos. Tamén estará o fundador do proxecto Pegasus Rescue Team, Rubén Lijo, que doa bicicletas a nenos do norte de África. E Olalla Sánchez informará as noticias máis vistas na web.