Bugallo quere facer de Santiago un referente en Galicia e en España

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Xosé Sánchez Bugallo, durante su toma de posesión
Xosé Sánchez Bugallo, durante a súa toma de posesión SANDRA ALONSO

Aínda que gobernará en solitario, apela á «corresponsabilidade» da oposición ante os retos da cidade; o primeiro, o Xacobeo

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xosé Sánchez Bugallo recuperou a alcaldía de Santiago para o PSdeG oito anos despois de cederlla ao PP e catro anos despois de que a conquistase Compostela Aberta, cuxo alcalde, Martiño Noriega, cedeulle onte o bastón de mando nun pleno amable no que non houbo moitas sorpresas; o oito veces concelleiro compostelán e catro veces alcalde afronta o seu quinto mandato tras recibir o apoio dos dez edís socialistas e favorecerse da abstención e os votos en branco dos cinco concelleiros de Compostela Aberta e os dous do BNG, fronte aos oito votos que recibiu Agustín Hernández das filas populares.

Emocionado ante o novo reto que afronta aos seus 65 anos, Bugallo recoñeceu que, polo menos inicialmente, gobernará en minoría, e que aínda que se abren varios escenarios -facelo en solitario, acordar unha coalición de goberno ou dialogar e negociar con toda a corporación- el persoalmente mostrouse a favor desa última fórmula porque, entende, que «é a que mellor responde aos resultados do 26 de maio».

Recoñeceu que ten por diante catro anos «complexos» nos que Santiago ten moitos retos pendentes. «Somos unha cidade que crea talento e cústame ver como a xente nova ten que buscar as oportunidades, para facer talento, fóra de Santiago, de Galicia e incluso de España». Por iso dixo que é necesario aproveitar estes catro anos para «tomar un impulso definitivo», para que Compostela recupere «o prestixio e a presenza a nivel nacional e internacional» e para «facer xuntos desta cidade un referente para Galicia e para España». A primeira oportunidade para acadar eses obxectivos será o ano santo 2021, e no seu éxito porá o rexedor o seu empeño, coa colaboración de todos os composteláns pero tamén «coa Igrexa, a Xunta e ou Goberno de España». Sen tempo que perder, anunciou que de inmediato porá en marcha unha comisión de traballo preparatoria para esa cita que coloca a Compostela no punto de mira internacional.

As urnas non lle deron a maioría, así que Bugallo cre que ese compromiso o é de todos os concelleiros da corporación; cada un deles, no lugar en que o colocaron os cidadáns. «É moito máis o que nos une que o que nos separa; ou se me permiten dicilo doutro xeito, únenos Santiago». Por iso insistiu en que é unha tarefa colectiva na que «todos debemos ceder para acadar acordos en beneficio de Compostela». Si no es así, «perderá Santiago».

Non lle preocupa o resultado electoral do 2023, dixo. O seu compromiso é con este mandato, ao que dedicará «toda a miña ocupación». Se é un éxito, o triunfo será «para Compostela», e por iso pediu aos edís o mesmo que el ofrecía: «Lealdade á cidade, xenerosidade, diálogo e altura de miras; en suma, política, pero política da que se escribe con maiúscula».

Tomaron nota non só os familiares dos edís e exconcelleiros composteláns, senón tamén o expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o delegado do Goberno, Javier Losada; o arcebispo, Julián Barrio; o reitor da USC, Antonio López, e o exministro José Blanco, que se fundiu nun abrazo con Losada.