A Escola de Idiomas ofrecerá nivel superior de galego, portugués e francés

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

O centro coruñés dá servizo a máis de 7.500 estudantes, repartidos en seis sedes

11 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As tres escolas oficiais de idiomas da provincia atenden este curso a máis de 15.000 estudantes: a da Coruña supera os 7.500; sobre 5.300 en Santiago e case 3.000 en Ferrol. Esas cifras inclúen o alumnado das súas sedes centrais e das diversas seccións que dependen directamente delas: as de Arteixo, Carballo, Cee, Culleredo e Melide, da da Coruña; as de Ordes, Negreira, Noia, Ribeira e outra máis na cidade, no IES de Sar, no caso de Compostela; e Cedeira e As Pontes, de Ferrol. Considérase así mesmo a suma de matrícula oficial, para o ensino presencial (a máis de 5.800 estudantes na Coruña, case 3.700 en Santiago e 2.160 en Ferrol) e a libre, ademais de diversos cursos específicos e outras modalidades de ensino que imparten.

Os tres centros teñen en común seis linguas: o inglés, a de maior demanda, de case dúas terceiras parte do alumnado total; e francés, alemán, italiano, portugués e galego. En Santiago e A Coruña imparten español para estranxeiros. E catro máis no da Coruña, ata once, que son árabe, chinés, ruso e xaponés.

Estas escolas adáptanse ao marco europeo destes ensinos especiais. Certifican o coñecemento das linguas segundo seis niveles: o máis básico é o A1, e séguenlle A2, B1, B2, C1 e C2. Este último, o superior, aínda non está completamente implantado: en Santiago ofréceno este curso en inglés e galego; na Coruña téñeno incorporado para inglés; e en Ferrol, en galego.

Oferta do nivel superior

O próximo curso ampliarase o C2 en galego, francés e portugués, na Escola da Coruña; en inglés e italiano, na de Ferrol; e en alemán e francés, en Santiago. Así o avanzan Feli Carballido, directora da Escola de Ferrol; Susana Aldao, da Coruña; e Gonzalo Constenla, de Santiago.

As motivacións para aprender idiomas son moi diversas. Parte importante do alumnado acode para certificar os niveis B1 ou B2, esixidos para titulacións universitarias. O claustro da USC ratificou a finais de maio que se retira ese requisito. Gonzalo Constenla afirma que descoñece cal será o impacto dese acordo, pois en Santiago a demanda de alumnado da USC foi sempre relevante, mesmo antes de precisar esa certificación.

Susana Aldao destaca que este ano na Coruña notan un incremento moi relevante da matrícula de alumnado libre e por iso terán reforzo para os exames. Atribúeo a que a certificación da EOI conta para os concursos de traslados de profesorado. Nos tres centros detectan así mesmo interese de persoas que necesitan coñecer a lingua dun país ao que se expoñen emigrar, e na Escola de Ferrol comproban os últimos anos como hai alumnado que se propón ir a Inglaterra e Alemaña, indica Carballido.

As instalacións aínda non están adaptadas a todos os requisitos da normativa autonómica

A primeira escola oficial de idiomas inaugurouse na Coruña en 1974; a de Ferrol empezou en 1989 e a de Santiago abriu en decembro do 2001. As instalacións cambiaron os últimos anos, para adaptarse ás esixencias dun moderno ensino de idiomas, con lousas electrónicas e medios informáticos. Aínda que os tres centros precisan melloras para cumprir as esixencias da normativa autonómica vixente.

O centro compostelán é que máis problemas de instalacións presenta. Quedou pequeno xa no curso 2007-2008, cando abriu unha nova sección na cidade, no IES de Sar, para dar cabida ao alumnado de inglés. Desde entón demandouse reiteradamente un novo edificio, máis amplo, pois o actual se acondicionou a partir dun antigo colexio de EGB do barrio de Vite.

O director da Escola Oficial de Idiomas compostelá, Gonzalo Constenla, considera xustificado un novo: «todas as corporacións municipais souberon do tema e o Concello mesmo aprobou ceder un solar para edificar un centro novo á Consellería de Educación. Sería interesante que, agora que comeza un novo goberno local, se considerase o tema na axenda», manifesta.

Fáltalle de espazo impide implantar máis idiomas, a pesar de que hai interese na cidade e boa disposición do centro. Respecto dos requisitos e condicións que establece a consellería, recollidas nun decreto de agosto, carece dunha biblioteca e postos multimedia para aprendizaxe suficientes; e precisa sala de usos múltiples, despacho para xefatura de estudos, sala de profesorado, sala para a asociación de alumnado e un salón de actos máis amplo, pois o actual ten 60 prazas e debería contar cun mínimo de 100 e mellores condicións técnicas e acústicas, e un escenario apropiado.

A renovación de computadores, e incrementar o número de equipos, é a principal necesidade da escola de Ferrol. Aspiran tamén a poder impartir español para estranxeiros, por ter especial interese, e de feito a asociación de alumnado atende parte da demanda detectada na cidade, en colaboración con Cáritas, afirma Feli Carballido.

Na Coruña «o edificio precisa melloras, pois nota o paso do tempo. Non temos todo o que indica o decreto da Xunta: falta unha sala para o profesorado, pois o seu espazo está ocupado agora pola secretaria; e máis aulas, pois usamos un laboratorio de casetes en desuso e a sala de vídeo, por falta de espazo; e é tamén escasa a aula multimedia. É que temos o centro moi cheo», di Susana Aldao. Esa saturación nótase nos arredores polas tardes, sobre todo os luns, martes e xoves, sostén.

Este curso incorporaron as actividades específicas de mediación

Na actual convocatoria de exames as escolas oficiais de idiomas avalían por vez primeira as actividades de mediación lingüística do alumnado. É unha novidade deste curso, que se suma á comprensión, produción e expresión escrita e oral.

«A mediación lingüística e cultural son necesidades que se popularizaron os últimos anos na UE, porque está a chegar moita xente de fóra. O Consello de Europa trasladou ese obxectivo para o marco común de referencia do ensino de linguas e editaron un volume de acompañamento, coas actividades que hai que facer e como as avaliar. En agosto de 2018 o currículo galego incorporou esa novidade para todos os niveis», afirma Gonzalo Constenla.

Sete docentes de Santiago, a través do programa Erasmus Plus, asistiron en Atenas a un curso de especialización específico, que foi a base para a elaboración de materiais sobre o tema, desde novembro, no centro, indica. Na Coruña tiveron unhas xornadas promovidas pola consellería a principios de curso «e o resultado está agora por ver, aínda que non prevemos que haxa dificultades», sostén Aldao.

Estas escolas terán o próximo curso máis profesorado fixo. Constenla considérao unha vantaxe; Susana Aldao sinala que, nas seccións que funcionan en institutos, é importante resolver as dúbidas sobre o uso compartido de instalacións.