Compostela Aberta creará unha renda de garantía infantil para as axudas escolares

r.m. SANTIAGO

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Noriega propón dous centros de día, un na leira do Peleteiro e outro en Galeras

15 may 2019 . Actualizado ás 14:00 h.

Compostela Aberta (CA) concentrará as actuais axudas para os comedores escolares, actividades extraescolares e material escolar nunha renda de garantía infantil, unha iniciativa que permitirá ás familias beneficiarias saber desde principios de curso de que cantidade disporán ao longo do ano académico e para que se xestionan con máis autonomía. O compromiso da formación que lidera Martiño Noriega, aspirante á reelección, inclúe o incremento das contías actuais, que xa creceron ata os 600.000 euros durante o seu mandato, defendeu.

Este tipo de axudas teñen por fin «promover a igualdade de oportunidades no acceso á educación e a participación social, de xeito que ningunha crianza quede atrás por razóns socioeconómicas», segundo a concelleira de Benestar Social e candidata de novo na lista de Noriega, Concha Fernández. A conversión nun modelo de renda de garantía infantil pretende asegurar que esas axudas «poidan chegar antes e dun xeito mellor organizado». 

No ámbito social, CA introduciu tamén no seu programa electoral a creación de dous centros de día, na leira do Peleteiro e en Galeras, iniciativas que requiren a participación da Xunta, da que depende ese tipo de atención. Igualmente, esixirán á Administración autonómica que constrúa canto antes a residencia de maiores prevista en Fontiñas e para a que a comunidade autónoma dispón xa dos terreos cedidos polo Concello desde finais do 2018, apuntou o alcalde, quen acompañou a Fernández na presentación dos compromisos electorais de Compostela Aberta para o próximo mandato, para o que mantén a súa aposta pola creación dun centro de integración ás persoas sen fogar. Apelará tamén para iso á colaboración da Xunta.