A asociación veciñal do Ensanche reclama unha maior implicación contra o botellón

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Raigame considera que está a causar «graves problemas de convivencia» no barrio e organizou unha mesa redonda para abordar esta cuestión

23 ene 2019 . Actualizado ás 09:58 h.

A asociación veciñal Raigame dá un paso máis na súa particular batalla contra o botellón no Ensanche compostelán. Considera que «o alcol en plena rúa está a causar problemas graves de convivencia non noso barrio», despois de que de forma periódica se producen concentracións en determinadas rúas, «coa conseguinte indignación da veciñanza, non só polos ruidos senón tamén polos danos que se causan nas vivendas, nos locais comerciais e no mobiliario urbano». E a solución, entenden, pasa pola implicación «de toda a sociedade, tanto das forzas de orde públicas como do sector da hostalería, das distintas administracións con competencias na materia, das nais e pais, dos centros educativos e da veciñanza». A todos eles piden unha maior colaboración para pór remedio a esta situación.

«Dende Raigame entendemos que esta situación non debe continuar máis tempo e se lle debe dar unha solución inmediata, pero tamén entendemos que non é máis que un síntoma dunha doenza social máis grave. Detrás dela está a banalización do consumo de alcohol que leva a que a xuventude acceda a el a idades cada vez máis temperás e que hoxe xa está nos 13 anos, e baixando», subliñan.

Cuestión «de orde e saúde pública»

Para abordar o problema do botellón, Raigame organizou unha mesa redonda na que estarán todos os axentes sociais implicados. Terá lugar mañá, día 24, ás 20.30 horas, no centro cívico do Ensanche. Neste coloquio participarán representantes da Unidade Municipal de Drogodependencias (UMAD), Policía Local, Policía Nacional, Asociación Hostalería Compostela, unha asociación de nais e pais de alumnos e, moderando a mesa -titulada: «O alcohol: unha cuestión de orde pública e de saúde pública»-, Raigame.