ORA de pagar

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO CIDADE

13 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A ORA, ese mal chamado servizo público, converteuse xa, na práctica cotiá, nun dobre quebradizo de cabeza para os composteláns. Un quebradizo polas dificultades que lles provocan as condicións de estacionamento en zona azul e un quebranto para os seus petos, quebranto, á súa vez, por partida dobre: polo que custa estacionar cada minuto nas áreas reguladas e porque se cumpriron os peores pero lóxicos prognósticos e empezan a chegar ao Pazo de Raxoi as sentenzas condenatorias que supoñen golpes millonarios para as arcas municipais, é dicir, golpes para todos e cada un dos veciños que contribúen vía taxas e impostos. E non foron sen tempo nin reiteración os avisos ao goberno de Martiño Noriega, que, unha vez máis, cae nesa práctica bochornosa de mirar atrás coa tese da «herdanza recibida». Pero non, este intento socorrido de escurrir o vulto non coa. Como tampouco o da falta de alternativas, que as había pero non valían porque o obxectivo era municipalizar a ORA e o guindastre para entregar un triunfo ao electorado de CA. A peza parecía facilona pero hase envelenado. E de que xeito: unha indemnización -a sentenza será recorrida, por suposto- de 620.000 euros a Doal, a empresa que debía levarse o concurso do 2011. E o que vén, porque Setex tamén reclama polos parquímetros e outros conceptos, aínda que ao alcalde non lle interese ter constancia diso nestes momentos críticos a un paso das eleccións. Máis aínda, o que seguirá sacando de couzón aos usuarios é ter que dar voltas co coche cada dúas horas, e iso non se vai a solucionar nin sequera antes das eleccións.