O Catastro destapa en Santiago 1.590 novas construcións que eludían o pagamento do IBI

O groso das irregularidades detectadas son ampliacións e cambios de uso


santiago / a voz

O Ministerio de Facenda empezou no 2013 a peitear a península en busca de bens que estaban ocultos a ollos do fisco, inmobles cuxos propietarios eludían o pagamento do IBI ou abonaban unha cantidade inferior ao ter feito reformas, rehabilitacións ou ampliacións que non constaban a ollos do Catastro. En balance arroxou en Galicia un dato demoledor: case medio millón de bens inmobles, dos cales en Santiago e a súa comarca hai 33.089. No caso do municipio compostelán contabilizáronse 1.590 novas construcións ocultas, é dicir, inexistentes a efectos tributarios: naves, almacéns, alpendres, galpóns, cortellos e ata vivendas. Entre todas elas representan o 13,8 % dos 11.527 inmobles regularizados en todo o municipio santiagués. Desa cifra total, segundo os últimos datos actualizados polo Catastro, o 51,11 % son ampliacións e rehabilitacións, e o 33,21 % reformas e cambios de uso. É dicir, propietarios de bens inmobles que estaban pagando o IBI por baixo do que debesen. O 1,71 % restante correspóndese con piscinas. Facenda descubriu en Compostela case 200 piscinas ocultas.

Traballo intenso

O Catastro tiña previsto concluír os traballos de inspección o pasado de 1 de xullo, pero tivo que amplialo en 79 municipios galegos durante seis meses. O volume de irregularidades afloradas sorprendeu incluso aos técnicos. Pero o conxunto de Galicia, e Santiago, cun enorme área rural, son un territorio propicio para facer aflorar bens ocultos, un espazo onde está arraigada a cultura do ir facendo, e sobre todo, caracterizado por unha enorme dispersión poboacional, o que dificultou enormemente os labores de inspección. Cunha extensión de máis de 220 quilómetros cadrados, ademais da cidade de Santiago, o municipio comprende 29 parroquias rurais: Aríns, Bando, Barciela, Busto, Carballal, O Castiñeiriño, César, Conxo, Eixo, Enfesta, Data, Figueiras, Grixoa, Laraño, Marantes, Marrozos, Nemenzo, A Peregrina, Sabugueira, San Caetano, San Fructuoso de Afora, San Lázaro, San Pedro de Afora, San Xoán de Afora, Sar, Verdía, Vidán e Villestro.

O plan de regularización que Facenda empezou fai agora seis anos, e que deu agora xa por concluído, tiña por obxectivo loitar contra a fraude e a economía mergullada.

Para levar a cabo a ardua tarefa de facer aflorar bens ocultos municipio a municipio, o Catastro conta cun corpo formado por máis de 2.300 traballadores, que desempeñaron o seu labor con fotos aéreas (con drones, satélite e Google Maps) e con visitas ao terreo.

Cando do Ministerio de Facenda detecta algún tipo de ben non rexistrado ou unha irregularidade doutra índole, a axencia rexional do Catastro envía unha carta ao contribuínte para notificarllo. O cidadán ten 15 días para presentar un escrito de alegación e xustificar a desconformidade. No entanto, o infractor destas propiedades sen actualizar ten que pagar unha taxa de 60 euros e exporse aos cargos que lle poidan vir do respectivo concello, administración responsable de recadar os impostos vinculados aos bens inmobles. Os propietarios dos bens obxecto de controversia, tal e como recomendan os asesores, poden achegar fotos que permitan demostrar o erro na valoración por parte de Facenda.

As notificacións enviadas a miles de contribuíntes en Compostela e comarca xeraron un profundo malestar social, ao entender moitos veciños que esas construcións foron notificadas ás autoridades urbanísticas dos concellos. Moitos creron que iso era suficiente a efectos fiscais, pero unha cousa é a legalidade urbanística e outra a tributaria.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

O Catastro destapa en Santiago 1.590 novas construcións que eludían o pagamento do IBI