Toca un décimo de 75.000 euros do sorteo do Neno no Castiñeiriño

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Paco Rodríguez

O estanco Paz Nogueira, onde xa caeu o gordo hai dúas semanas, volve repartir sorte

07 ene 2019 . Actualizado ás 22:58 h.

O segundo premio do sorteo extraordinario do Neno, dotado con 750.000 euros a serie, estivo este ano moi repartido. E, entre as preto de 60 administracións de toda España que despacharon o número agraciado, o 61776, está unha de Santiago. Foi a parar, concretamente, ao Castiñeiriño. Trátase, curiosamente, o mesmo estanco, Paz Nogueira, que repartiu fai só un par de semanas 400.000 euros cun dos décimos do gordo de Nadal. A encargada do establecemento, Begoña Viqueiro Antelo, explica que, do mesmo xeito que o día 22, dispensaron un só billete, nesta ocasión premiado con 75.000 euros. «Dar un décimo do gordo influíu e para o Neno vendemos máis. Notouse bastante. Sempre que dás calquera tipo de premio hai un incremento de clientela», di Viqueiro.

Polo momento, descoñécese quen foi a persoa á que sorriu esta vez a deusa fortuna, xa que o décimo foi vendido por máquina, xa que é o único sistema de venda de lotería que teñen nesta administración compostelá. Nela xa repartiron uns cantos premios nos últimos anos, tanto de primitiva, como bonoloto ou da lotería nacional, no 2018 deron o seu primeiro gordo e onte estreáronse tamén cun premio da lotería do Neno. O máis cuantioso foi duns 5 millóns de euros e caeu fai preto de 20 anos, cando acababan de pasar a mellor vida as pesetas.