A última ferraxería do centro histórico baixa a persiana tras 160 anos

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Paco Rodríguez

Casas Mozo pechará nunhas semanas o local de Casas Reais, cuxo novo propietario abrirá un negocio de hostalería

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O tempo e a crise do comercio tradicional pasa factura no centro histórico. Nuns meses, «máis temperán que tarde» pechará as súas portas a ferraxería Casas Mozo, en Casas Reais, e dirá adeus a case 160 anos de historia. Case nada. Na cabeza dos propietarios, sen substitución xeracional e coa caída lenta e constante das vendas, rolda desde algún tempo a idea de pechar as portas. Iso si, a saga de Casas Mozo quere manterse ao pé do canón ata que o novo propietario do negocio teña a licenza municipal que lle permitirá facer as obras necesarias para a súa reconversión en local de hostalería. «Talvez un mes ou mes e medio, non é posible sabelo, pero está en marcha», explicou Enrique Villaverde, a cara da ferraxería.

Os vinte e cinco metros de longo do baixo de Casas Reais están a se baleirar lentamente de centos de artigos, que eran demandados cada día polos seus clientes, e que aos poucos acumulan po. Antes da chegada das grandes superficies e das cadeas de bricolage, Casas Mozo era un referente na cidade, e con seguridade segue séndoo para moitos profesionais e veciños. Agora vive practicamente das vendas do día a día, e atrás quedaron os anos en que os clientes chegaban de todo Santiago e de moitos puntos da comarca. Era o tempo en que os coches pasaban por Casas Reais, e paraban diante da ferraxería para cargar a mercancía. Os bolardos foron tamén un golpe para este comercio, que perdeu a comodidade que ofrecen os grandes.

Casas Mozo pasará a ser un negocio de hostalería, concretamente, un bodegón. Máis viños e tapas para o centro histórico. Unha vez máis a substitución económica virá da man do sector hostaleiro, o que máis investimento está a atraer en Santiago.

Hai uns meses, no almacén de Gómez Ulla inaugurouse o mercado gastronómico A Galiciana, e agora repítese a historia. Tamén a histórica ferraxería Yunque, nas Orfas, foi substituída por un local hostaleiro, actualmente Redeira. Outra sorte distinta correu a ferraxería Torres, de Preguntoiro, cuxo local segue pechado, e que se empregou como estudio cinematográfico para A sombra da lei. Nas Rodas, xunto á plazuela da Algalia, e en San Pedro tamén pecharon fai moitos anos outras ferraxerías das de sempre; e nunha das fundacións con sede na rúa do Vilar vendéronse antes parafusos e porcas, entre outros moitos artigos de ferralla. Todas as ferraxerías tradicionais foron sucumbindo aos poucos. As máis modernas que seguen en pé, entre as que están as de Rosalía de Castro e praza de Galicia-O Hórreo, modernizaron os seus produtos.