A familia Couceiro, tres xeracións ao cargo das chirimías da Catedral

Este instrumento de vento soa trece días ao ano, e mañá é un deles


a estrada / a voz

Son unha familia ligada de sempre á música de banda na Estrada e Santiago. Pero os Couceiro, «que é como nos coñecen na Catedral», son ademais unha saga de músicos que tocaron ante distintos papas. Fano pola súa vinculación co grupo das chirimías da Catedral compostelá, integrado por dúas destes instrumentos, dous fagots e dous trompas. Jesús Couceiro, músico da Banda Municipal de Santiago, tocou unha das chirimías ata o seu falecemento no ano 2013, e executou a Marcha das Chirimías ante Xoán Paulo II. No 2008 incorporouse ao grupo o seu fillo Severino para tocar a outra chirimía, un instrumento cunha cana similar ao oboe e que se conserva en activo unicamente na Catedral de Santiago.

O sexteto interpretou a súa marcha medieval no ano 2010 no Pórtico da Gloria, para recibir ao papa Bieito XVI: alí estaban Jesús e Severino Couceiro xunto aos seus catro compañeiros.

Seve garda na súa memoria as palabras do pontífice: «Molto bene, grazie», unha felicitación que chegou máis tarde por escrito desde O Vaticano ao arcebispado. A cada un dos integrantes fixéronlles chegar tamén un par de fotografías do momento.

Tres anos despois, no 2013, o falecemento de Jesús obrigou a buscar un substituto: «Empezamos a buscar a alguén que se comprometese, porque hai unhas datas no ano nas que se toca a Marcha das Chirimías, e non se pode faltar». O seu fillo Iago Couceiro é músico, pero de percusión. Houbo que convencelo para que se animase cun instrumento de vento como a chirimía: e foi así como debutou a terceira xeración da familia Couceiro no sexteto, o 25 de decembro do 2013. Seve Couceiro garda xunto ao seu teléfono móbil o calendario de datas de interpretación desta antiga marcha de 16 compases. Son 13 xornadas no ano. Mañá, día 8, é unha delas. E as chirimías volverán soar.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
3 votos
Comentarios

A familia Couceiro, tres xeracións ao cargo das chirimías da Catedral