«Non conseguimos ir en bus ao campus norte porque vai cheo e xa nin para»

Un grupo de universitarios demanda máis frecuencias nos días de choiva para poder asistir a clase


Santiago / a voz

Laura Garrido lanza unha mensaxe desesperada ao maremagno de botellas á deriva que hai nas redes sociais. A moza de 19 anos pide unha explicación ao Concello de Santiago: «¿Podedes explicarme por que nunca conseguimos subir en bus ao campus norte xa que vai cheo e non para?». Tras a pregunta, unha reclamación: «¿A que esperades para poñer unha mellor frecuencia e máis buses? Os universitarios do campus norte tamén imos a clase».

A coruñesa, matriculada en segundo curso de Xornalismo, non é a única que se atopa nesta situación, explica. Outros compañeiros da súa facultade e do campus norte quedan na estacada. Facilmente pódense xuntar 10 estudantes en Xeneral Pardiñas, máis os que o collan na seguinte parada, a praza de Galicia, indica.

Esta situación coincide sempre con días de choiva, unha circunstancia case colateral a vivir en Santiago, que se atopa entre as cinco cidades máis chuviosas de España. «Todo o mundo colle o que se supón que é o autobús universitario, a liña 15, na primeira parada e os que vimos logo vemos pasar o bus por diante de nós», lamenta Laura.

Nesta situación viuse varias veces a semana pasada. O problema, destaca, é que o servizo non responde á demanda que ten, especialmente en hora punta, ás nove da mañá ou catro da tarde, cando os universitarios se desprazan para ir a clase e coinciden con outros veciños que utilizan a mesma liña de autocar para os seus desprazamentos habituais dentro da cidade.

«Se temos que esperar á seguinte frecuencia xa non chegamos. Tarda 20 minutos. E, co plan Bolonia, temos obrigada asistencia ás clases prácticas. Máis de tres faltas supón un suspenso e non ter dereito á avaliación», apunta a estudante da USC.

¿Que opción queda? «Non queda outra que ir en taxi», subliña Laura Garrido. Isto, continúa, supón multiplicar o gasto en transporte de forma periódica: «A Xornalismo son 6 euros e é inviable pagar esta cantidade cada vez que chove para moitos».

Esixen unha solución

Para os universitarios que residen no Ensanche compostelán e ven na obrigación de achegarse diariamente ao campus norte, a solución «é bastante doada» e pasa «poñer máis frecuencias» por en as horas punta durante o inverno, que é cando hai máis dificultades. Teñen claro, vista a experiencia, que «o servizo de transporte urbano en Santiago funciona fatal e os recursos non están adaptados ás necesidades reais», di Laura, en calidade de portavoz de todos os seus compañeiros.

«A liña 15 non só é o bus universitario, tamén conecta á cidade. E, xa que tanto presumen os gobernantes de que esta é unha cidade de estudantes e de todos os beneficios que a vida universitaria lle aporta, non estaría de máis que se preocupasen un pouco máis por nós», reprocha a herculina. «En A Coruña pasan os buses universitarios cada pouco e tes marxe a coller o seguinte se hai calquera contratempo. Iso é o normal, non o que sucede aquí», continúa.

Os estudantes do campus norte santiagués tamén teñen a opción para chegar ás súas facultades de coller o C5, pero o percorrido que fai dá máis voltas antes de levalos ao seu destino. «Unha viaxe de 15 minutos pode supoñer case o dobre de tempo», destacan. E a iso únese que as frecuencias son aínda moito máis dilatadas que no caso anterior, pois esta liña pasa cada 60 minutos.

También ~en La Voz

Coñece a nosa newsletter con toda a actualidade de Santiago

Creamos para ti unha selección de noticias da cidade e a súa área metropolitana para que as recibas no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
11 votos
Comentarios

«Non conseguimos ir en bus ao campus norte porque vai cheo e xa nin para»