O novo aparcadoiro de Conxo está rematado e á espera da súa entrada en funcionamento

m. M. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

cedida

Os comercianes confían en que se estableza un sistema de control que garanta a rotación

22 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras meses de obras, o novo aparcadoiro en superficie de Conxo está totalmente rematado e listo para a súa posta en funcionamento. O aparcadoiro, que se acondicionou nun soar municipal xunto á praza da Mercé, dispón de setenta prazas en superficie, coas que se quere contribuír a paliar os problemas de prazas de garaxes que ten o barrio de Conxo. Esta área de estacionamento construíuse no terreo que foi proposto polo Concello para que a Consellería de Sanidade edificase o novo centro de saúde, que pasou a non ser prioritario para a Xunta de Galicia. O Concello decidiu, mentres non sae adiante o proxecto sanitario, habilitar a leira como aparcadoiro público. O custo da obra é de 95.300 euros, e foi executada pola empresa Arines Obras e Proxectos.

Desde a Asociación de Empresarios Esperta Conxo, o seu presidente, Bernardo Calatayud, asegurou cando se anunciou a obra, que confiaba en que se estableza algún sistema de rotación para evitar que as prazas estean ocupadas todo o día polos mesmos vehículos. Os comerciantes agardan que as prazas sirvan para dinamizar o comercio do barrio. O aparcadoiro presentouse aos veciños e comerciantes como unha compensación por quebrantos económicos sufridos polo sector debido ao longo período de obras para construír o túnel da SC-20, en Conxo.