Os centros Don Bosco celebran os seus 25 anos co compromiso de seguir traballando polos mozos

m. m. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

Conchi Paz

Reuníronse na sede de Santiago para celebrar as máis de dúas décadas de esforzos

22 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A sede do centro xuvenil Don Bosco, en Belvís, acolleu a reunión dos membros das agrupacións que integran a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, co gallo da celebración do seu 25 aniversario. No acto participaron representantes das entidades Abeiro da Coruña, Abertal de Vigo, Amencer de Ourense, Ateibo de Lugo e Don Bosco de Santiago, e tamén asistiu a consellería de Política Social, Fabiola García; así como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Política Social, Concha Fernández, entre outros. Os membros dos centros xuvenís apostaron por manter o compromiso de seguir traballando polos mozos, e continuar desenvolvendo actividades e iniciativas saudable para os rapaces. Fabiola García destacou o labor das entidades para promocionar entre os novos valores como o esforzo, o traballo, a xustiza, a solidariedade ou o voluntariado.

A conselleira indicou que estes valores «deben estar moi presentes na educación dos nenos, nenas e adolescentes se queremos construír unha sociedade cada vez máis xusta, democrática e solidaria», explicou.

A titular de Política Social ofreceu o seu compromiso «a todas cantas iniciativas levedes a cabo na defensa e promoción da nosa xuventude». Na mesma liña pronunciouse o alcalde de Santiago.

Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia colabora coa Federación de Centros Don Bosco, tanto coa repartición de fondos do 0,7 % do IRPF como cos programas de educación non formal, que se impulsan cada ano desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.