O Compos e o Arousa calibran as súas aspiracións na zona nobre

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Rafa Sáez enxalza a identidade do conxunto azul e branco

07 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

San Lázaro volve acoller o partido da xornada en Terceira División. Ás 18 horas, coas cámaras da segunda canle de TVG en directo, calibran as súas aspiracións na zona nobre dúas dos equipos chamados a pelexar por entrar na promoción de ascenso, o Compos e o Arousa. Arbitrará o coruñés Alexandre López Vila.

Os locais perderon a súa condición de invictos a pasada xornada, tamén en casa, ante outro dos aspirantes, o Bergantiños. Yago Iglesias , técnico azul e branco, botou de menos naquela cita algo máis de efectividade ante a portería rival. Valora o caudal de oportunidades que está creando o equipo e pide pegada para concretalas.

Como é habitual nas contendas en San Lázaro, non hai convocatoria. Pero xa anticipou que Marcos Remeseiro é baixa segura, polo golpe que sufrise ante o Bergantiños. E tamén deu case por perdido a Brais Abelenda, por unha escordadura de xeonllo. Agarda que ambos poidan estar a semana próxima.

Son dúas ausencias de peso no cadro azul e branco, dous das fichaxes de verán que se fixeron un oco no once inicial desde o principio.

Pola súa banda, Rafa Sáez, adestrador do Arousa, argumenta a enxunlla do partido sobre o reflexo da clasificación: «Todos os partidos son complicados pero, cando falamos do segundo contra o terceiro clasificados, é un enfrontamento de altura, un encontro diferente».

Do conxunto azul e branco destaca a continuidade no proxecto: «O Compos de momento é o actual campión de Liga. Este verán perderon a Primo, pero manteñen bos xogadores individuais, e un adestrador que lle deu un sinal de identidade ao equipo, que está ben traballado».