Goretti Sanmartín: «Hai que apostar por unha capital de referencia, pioneira e vangardista»

ROSA martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

Defende un Santiago máis accesible e di que a cidade «merece moito máis do que ten actualmente»

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Concelleira do BNG dende o 2015 e actual vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) acaba de dar o paso á primeira liña da política municipal. A anunciada marcha ao final do mandato de quen foi un «magnífico voceiro», o seu compañeiro de filas Rubén Cela, deulle a alternativa. Foi a primeira candidata confirmada para as eleccións do vindeiro ano á alcaldía e ve prioritario aportar aos composteláns un proxecto que lles permita vivir comodamente.

-Nota xa o peso da candidatura?

-É unha responsabilidade que levo ben porque hai bo clima dentro do BNG, que apoiou o traballo construtivo destes anos e tamén para facer o que cremos que se necesita: un equipo sólido, solvente, cun proxecto de cidade e capacidade para xestionar o día a día. Santiago merece moito máis do que ten na actualidade, ten que ser referente como capital e é fundamental para iso un grupo de persoas con traxectoria consolidada, e tamén persoas novas, e afróntoo con gran satisfacción. Estou preparada, con ilusión, ganas, e indo a por todas a transmitir esa mensaxe dun proxecto con propostas moi interesantes no que facer.

-Como cales? Como se chega a ese Santiago que quere o BNG?

-É un Santiago no que se poida conxugar esa cidade patrimonio e a perspectiva do turismo, pero que especialmente aporte un espazo onde vivan comodamente os residentes. Hai que deixar atrás este Santiago de parque temático, que será un problema a medio prazo, e sermos capaces de facer un máis accesible, que aposte polas persoas que van a pé, por ser referente medioambiental e en políticas feministas e urbanísticas; que sexa o que durante tempo aspirou a ser, unha capital pioneira e vangardista, que non fique en medidas illadas, descoordenadas, que ao final conseguen o efecto non desexado, que é o que cremos que fixo este goberno. Ao mellor con boa fe, non a discuto, pero hai moito que avanzar cara á veciñanza.

-Falta proxecto de cidade?

-Falta. Falta equipo e falta capacidade para xestionalo, para converter as palabras en feitos. Non se pode non facer nada en accesibilidade e logo ter ideas illadas, que, sen tomalas no seu conxunto nin implicar ao conxunto da poboación, non son nada. Pode estar ben que Xoán XXIII sexa peonil, pero tes que ter coidado e dicir cal é a alternativa para os coches que entran, porque non podes converter Vista Alegre e Carballo Calero, ao final, nun Rosalía de Castro en horas punta.

-As obras de renovación da cidade emerxen na recta final do mandato. Ve niso unha vantaxe electoral para CA?

-Non son tantas obras de renovación, porque todas estaban aí prontas para levarse a cabo na etapa do PP. Non hai ningunha que signifique unha renovación, unha impronta de CA, aínda que si son necesarias e importantes para a cidade. Nese sentido, CA é un goberno que está funcionando con moitos proxectos no aire, sen unidade. Pero si chama a atención que se fagan todas no último ano e que se diga, parece que con todo o orgullo, que este vai ser o ano da obra pública. Con todo este tempo para facer, por que o fas agora todo a correr neste último ano? A verdade é que parece moi da vella política, pero son obras necesarias, e oxalá tivesen detrás unha idea de onde queremos ir e non que sexa parche sobre parche.

-Dicía Rubén Cela hai meses que nin Xunta nin Goberno lle daban a Santiago o trato que merecía como capital. Mudou algo?

-Non mudou. Santiago ten que ter un trato diferenciado xustamente por ser a capital do país e iso significa asumir moitas cousas, pero ter que recibir outras, e aquí non se fixo nin vivenda pública por parte da Xunta nin temos prazas de escolas infantís e residencias de maiores; existe un baleirado total e as relacións institucionais distan moito que desexar. Hai que ser capaces de chegar a acordos, de negociar polo ben de Santiago e observamos con moita preocupación como foron as negociacións da intermodal e a depuradora, nas que Santiago sae perdendo e pode acabar poñendo máis ca outras cidades. E tiñamos que ser capaces de que o Consorcio se encargase máis de potenciar que a xente vivise e puidese facer vida na zona vella.

«A fasquía da cidade non mudou en nada significativo con CA»

Sanmartín cre que unha das grandes eivas na xestión do goberno foi a incapacidade de implicar aos distintos sectores, por falta tamén de participación social real, a dos consellos sectoriais, apunta. «Falta esa visión de conxunto de onde queremos ir (...). Creo que hai moita xente que pensa que Santiago está perdendo o tren en moitas cousas.

-O goberno si defende que houbo contacto cos sectores sociais.

-Non nego a boa fe que poida ter o goberno, pero si creo que houbo incapacidade para levar adiante moitas cousas do programa. Se se pregunta á poboación os proxectos de envergadura deste goberno, que non sexan herdados, do PP fundamentalmente, non hai ningún que digas este é un sinal de identidade de Compostela Aberta. Todo o mundo que vai a Pontevedra sabe en que cambiou Pontevedra. En que cambiou Santiago estes tres anos? O proxecto quizais máis aplaudido é o do camiño do Banquete de Conxo, que foi ademais unha proposta do BNG. Desde logo non mudou a fasquía da cidade en nada significativo, e nalgunhas cousas mudou para mal.

-Como en...?

-Na limpeza, falta de mantemento, en parques e xardíns, en ver como están os contedores de lixo, as papeleiras por fóra, a xestión dos comedores escolares, o fiasco da Escola de Música. Hai elementos que poderían ser unha mellora e que acabaron creando unha sensación de desconfianza. Como cales son tamén as actividades que se están a facer nos centros socioculturais. Hai unha perda aí dunha potencialidade enorme do que Santiago podería ter e estamos en momentos en que non estamos á altura do que podería dar Santiago.

«O BNG sempre soubo chegar a acordos, levámolo no noso ADN»

Goretti Sanmartín defende que o BNG foi «unha oposición moi construtiva», favorecendo unha gobernabilidade na que ás veces non saíron proxectos pola «falta de execución do propio goberno». E esa posición «é algo que valoran vos cidadáns».

-Asume o liderado do BNG nun momento en que o espazo da esquerda está máis fragmentado. Todo un reto.

-Nós sempre fomos unha forza coas ideas moi claras a respecto do que defendemos e queremos a nivel de país e municipal. Sabemos que os concellos son unha fonte fundamental de transformación, temos exemplos relevantes. E sempre soubemos, dentro do goberno ou na oposición, ser capaces de chegar a acordos polo ben da poboación. Iso é algo que está no ADN do BNG. Durante este tempo estivemos facilitando a gobernabilidade.

-Vaise medir cun exalcalde e posiblemente co actual. Iso impón para quen opta por primeira vez?

-Non. Os momentos históricos sempre son distintos, hai circunstancias diferentes. En política todo se move a ritmo de vertixe e persoas que puideron nalgún momento xogar un papel moi importante e definitorio, noutros momentos poden non ter un proxecto que ofrecer. Pero non é momento de falar doutros, senón do BNG, e o BNG ten un proxecto á alza; a nosa portavoz nacional é un referente claro.

-Terían pactado hoxe con CA?.

-Para realizar un pacto temos que saber que queremos, para que temos que pactar e se hai interese por pactar. As cousas non se poden quitar do seu contexto. No seu momento inicial, CA non quería que entrásemos no goberno (...) e pódese construír moitísimo e axudar a un goberno, dende o goberno como dende a oposición. Pero creo que en determinado momento CA e o propio alcalde danse conta de que non son capaces de xestionar todo o que teñen que xestionar. Non sei se de aí pode partir esa idea de ver se se chega a algún tipo de pacto, pero o problema ao final non é pacto ou non pacto, senón se hai ideas e proxecto para levar adiante e nós o que vemos é un goberno sen esas ideas e sen capacidade para levalas adiante.

-A que aspiran no 2019?

-A todo, a ser moito máis determinantes. Cremos que o fomos nesta etapa, que contribuímos á gobernabilidade. Se nos presentamos é parar gobernar e poder levar adiante os proxectos que defendemos; así que, a ser o máis determinantes posible e que haxa un goberno transformador para que outro Santiago sexa posible. Porque agora non hai ambición.