Raxoi «bautiza» un milleiro de rúas da zona rural

La Voz

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

O Concello tiña en marcha un plan para acabar coa indefinición existente nalgunhas vías das parroquias e tamén incluía nova numeración

09 ago 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

O Concello de Santiago tiña en marcha hai 23 anos un plan de denominación e enumeración das rúas da zona rural para incorporalas ao plano da cidade. Eran ao redor dun milleiro. Desta forma, querían acabar coa indefinición existente ata entón.

A zona rural entraba no rueiro con denominacións xa tradicionais, pero tamén se dotaba de novas nomenclaturas a aqueles puntos que puidesen xerar unha maior confusión por repetirse en varios emprazamentos. Por exemplo, o plan municipal rexistrou preto de duascentas novas rúas en Villestro. Despois deste traballo, as denominacións e numeracións tiñan que ser remitidas ao Instituto Nacional de Estatísticas para a súa aprobación definitiva.

Pero non se actualizaba unicamente o nomenclátor do medio rural. Raxoi tamén bautizaba unha nova rúa de Fontiñas: a rúa Dublín. A denominación chegaba despois do acordo entre o Concello e a asociación As Fontes para manter unha tinguidura europea no rueiro do barrio. Quedaban dous sen nome.