Sonia Lebedynski defende a necesidade de circuítos e festivais como o Certame Folk para a música galega

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

MARCOS CREO

A cantante barbancesa presentará o evento musical que se celebra mañá, organizado por La Voz nas Festas do Apóstolo

19 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Sonia Lebedynski teno claro: «Sempre estarei do lado de calquera convocatoria que apoie, difunda e crea na nosa cultura». Por iso, cando a cantante barbancesa recibiu a proposta de presentar mañá o Certame Folk, que organiza La Voz de Galicia, aceptou sen dubidar: «Ser considerada pola organización, nun escenario como A Quintana, que sempre é un lugar máxico, independentemente de que vaia presentar ou cantar, é de agradecer».

Colaboración con Óscar Ibáñez

Lebedynski explica que asistiu en varias ocasións como público. «Estiven alí coma o resto, cos ollos abertos e emocionada, valorando a beleza, valía e talento que hai neste país. E pluralidade de propostas», lembra. E, nesta ocasión, non só estará sobre o escenario como presentadora, tamén como artista, xa que fará unha colaboración co flautista e gaiteiro Óscar Ibáñez & Tribo. «E, quen sabe, pode que algunha máis», deixa no aire.

Para a cantante e mestra é esencial «velar pola música en directo feita neste país». «O que sobra en Galicia é talento e faltan espazos e festivais coma este para difundir ese traballo, máis circuítos, escenarios e espazos onde dar a coñecer as nosas propostas», defende, á vez que pon en valor que se dea á música galega o lugar que merece.

A sétima edición do Certame Folk conta coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Galicia Calidade e Vermutería de Galicia.