O Concello recorrerá a sentenza sobre a Escola de Música e busca alternativas para manter o persoal

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Martiño Noriega afirma que o curso comezará "con normalidade" e que Raxoi traballa para "garantir" o seu compromiso con pais e docentes

17 jul 2018 . Actualizado ás 13:42 h.

O Concello recorrerá a sentenza do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia que revoga a exclusión de Esproade do concurso para prestar a nova xestión da Escola de Música. O goberno de Martiño Noriega decidiu seguir a vía xudicial, aínda que non será a única para "garantir" o seu compromiso con pais e docentes, "que é o mantemento da plantilla e do modelo educativo" do centro formativo municipal, lembrou o rexedor esta mañá. A oferta de Esproade, a única empresa que optou á licitación, non recollía a subrogación do persoal.

A asesoría xurídica do Concello está a traballar en varias posibilidades en paralelo á iniciativa xudicial e o encaixe xurídico dese compromiso será o que determine a opción final. Noriega afirma que o novo curso comezará "con normalidade". Farao coa actual empresa, porque calquera solución non será "a curto prazo".