A música de cámara, en cartel

La Voz

SANTIAGO CIDADE

Xoán A. Soler

O curso Airas Nunes Aula de Cámara arrinca con medio centenar de alumos de varios países europeos

09 jul 2018 . Actualizado ás 04:55 h.

Medio centenar de alumnos procedentes de varios países europeos e un selecto grupo de profesores británicos, húngaros, franceses e españois iniciaron onte o curso Airas Nunes Aula de Cámara, organizado polo compositor e pianista Manuel López Jorge, que se desenvolve durante esta semana, ata o venres. Pola mañá teñen lugar as clases no Conservatorio Profesional, ás que se pode acudir de oínte facendo a correspondente inscrición, e polas tardes haberá concertos na Escola de Altos Estudos Musicais e no Paraninfo da USC (Facultade de Historia), abertas a todo o público que desexe asistir.

Manuel López Jorge explica que o obxectivo deste curso é promover a música de cámara en Santiago e en Galicia, e traer para iso a profesores ao máximo nivel internacional. O compositor sinala que este curso cobre un espazo, xa que, en xeral, hai moitas máis actividades formativas para intérpretes solistas que para música de cámara, aínda que no programa que se iniciou onte pola tarde coa presentación celebrada no hotel Bonaval tamén hai espazo para a formación de solistas.

Os profesores participantes son os pianistas Rita Wagner e András Kemenes, da Academia Franz Liszt, de Budapest; Deniz Gelenbe, do Trinity Laban Conservatoire, de Londres; o violinista Richard Ireland, da Royal Academy of Music, de Londres; viólaa Rivka Golani, do Trinity Laban Conservatoire; e o violonchelista Xavier Gagnepain, do CRR Boulogne-Billancourt, de París.

As actividades abertas arrincan esta mesma tarde (Escola de Altos Estudos Musicais, 18 horas), con dúas charlas concerto a cargo de Morgane de Lafforest, ao violoncelo, Javier López Jorge ao piano e María Victoria Jericó ao violín. Mañá, no mesmo lugar, ás 19 horas, haberá un concerto dos grupos de bolseiros Riviola Trio, Weiner Ensemble e Hélios Trio. O mércores (Paraninfo, 19 horas), será a quenda dos profesores Rivka Golani e András Kemenes; e o xoves e venres (Paraninfo, 19 horas), haberá dous concertos de alumnos do curso.