A álxebra computacional, ao servizo da nosa seguridade

Susana Luaña Louzao
s. luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

PACO RODRÍGUEZ

Expertos de 28 países analizan en Santiago sistemas automáticos de importancia vital na sociedade actual

21 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Accidentes como o que tivo lugar en Arizona no mes de marzo, cando un coche sen condutor atropelou e matou a unha muller que circulaba en bicicleta; fallos en aeronáutica e en enxeñería espacial que se traducen en perdas millonarias ou unha optimización das redes de metro nas grandes cidades son asuntos que preocupan aos expertos en álxebra computacional, porque a raíz deses problemas adoita estar nos softwares elaborados por equipos de enxeñeiros e matemáticos para os que a precisión dos programas informáticos é fundamental.

Eses erros poden dar lugar a que haxa que reiniciar o computador doméstico, pero tamén a que falle un semáforo nunha rúa moi transitada. Como se trata de cuestións que afectan á seguridade, é unha das principais preocupacións dos expertos en álxebra computacional; e polo tanto, un dos asuntos principais que esta semana abordan en Santiago 140 especialistas de 28 países inscritos na 24º edición da Conference on Applications of Computer Algebra (ACA 2018).

Entre os conferenciantes está o británico James H. Davenport, unha eminencia da University of Bath que estuda métodos de verificación das fórmulas computacionales para detectar posibles erros. Onte, ante o público que o escoitaba na Facultade de Matemáticas de Santiago, recoñeceu que todos asumimos que os computadores teñen fallos, «pero cando se trata de vidas humanas, como un software que controla o tráfico, non nolos podemos permitir». Nese sistema traballan os seus alumnos británicos, «e non tivemos ningún problema nun millón de horas». Falou tamén do software creado en 1999 por colegas seus para o metro de París, «e en 19 anos non tivo ningunha incidencia». Pero queda moito por facer. Recoñece que un sistema máis preciso no metro de Londres permitiría ampliar as liñas e incrementar nun 30 % a súa eficacia. «A seguridade no tráfico ou nos coches automáticos sairía beneficiada cunha precisión maior na álxebra computacional», concluíu.

A criptografía -que elabora códigos cifrados e que afecta á seguridade das operacións bancarias-e a teoría de códigos son outras cuestións que se abordan nas sesións que os algebristas desenvolven esta semana en Compostela.