Cara a un mapa das proteínas humanas

La Voz

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Expertos en proteómica reúnense estes días na capital de Galicia

18 jun 2018 . Actualizado ás 04:50 h.

O termo proteómica alude ao conxunto de estudos para a caracterización dos proteomas, que son a totalidade de proteínas presentes nunha célula, un tecido ou un fluído biolóxico nun momento dado. A súa importancia é moita, porque as proteínas son en realidade as últimas responsables do que sucede nun organismo e as súas alteracións son a causa de numerosas enfermidades. Os grandes expertos na proteómica reúnense estes días na capital de Galicia no décimo congreso da Asociación Europea de Proteómica, que reúne a 250 profesionais de máis dunha vintena de países europeos.

O congreso de Santiago serviu para que esta fin# de semana se reunisen na Facultade de Medicina os principais responsables do gran proxecto mundial para analizar o proteoma humano, no que España participa a través de varios grupos integrados na Sociedade Española de Proteómica e que se centran na análise das proteínas orixinadas a partir de xenes presentes no cromosoma 16. Algo así como o proxecto Xenoma, pero máis complicado, porque o proteoma «é complexo e dinámico comparado co xenoma», segundo explica o profesor de Farmacoloxía da Universidade de Santiago, Ángel García Alonso.

O programa, que arrincou con esta reunión auspiciada pola Human Proteomics Organization e a inauguración oficial, abarcará ata o mércores diferentes sesións plenarias e comunicacións, que tratarán temas como a proteómica celular, o manexo e interpretación de datos e a proteómica clínica -do cancro, cardiovascular e sanguínea, entre outras patoloxías- e mesmo a proteómica dos alimentos e a nutrición e a aplicación ao descubrimento de fármacos, á agricultura e á biotecnoloxía.