A Concepción Arenal queda como a única biblioteca de horario nocturno

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

XOAN A. ADOITAR

Abrirá todos os días ata as 3 da madrugada desde mañá ata o 20 de xullo

17 jun 2018 . Actualizado ás 21:00 h.

As vacacións cada vez están máis preto para os máis de 25.000 alumnos que cursan algunha titulación oficial na Universidade de Santiago. Tras o sprint do último mes, a partir desta semana abrir a época de recuperacións. Como testemuña muda dese cambio de marchas funcionan as bibliotecas da institución académica compostelá, que van adaptando os seus horarios á demanda dos universitarios. A partir de mañá, só unha biblioteca no campus de Santiago continuará con horario especial. A Concepción Arenal, que desde o pasado 2 de maio permanecía aberta as 24 horas, pasará a abrir ás entre as 9 da mañá e as tres da madrugada de luns a venres, mentres que as fins de semana abrirá de 10 a 3 horas.

A partir de agora, a biblioteca da Facultade de Económicas e a Biblioteca Xeral comezarán a funcionar co horario de verán. Abrirán ás 9 e pecharán ás 20.30 horas. A institución académica compostelá entende que os case mil postos de lectura cos que conta a biblioteca Concepción Arenal dan resposta á demanda dos exames que se achegan agora, os coñecidos como segunda oportunidade. En definitiva, as recuperacións,

O período de actas para esta convocatoria abrirase o próximo 26 de xuño e pechará o 27 de xullo. Por iso, a biblioteca Concepción Arenal continuará abrindo ata as 3 da madrugada ata o 20 de xullo, tras o que pasará ao horario de verán. Do 25 de xullo en diante só abrirá polas mañás, mentres que entre o 20 e o 24 de xullo abrirá ata media tarde.

Xunto coa biblioteca Concepción Arenal do Campus Vida, a outra instalación que a USC abrirá con horario ampliado é a biblioteca intercentros do campus de Lugo, que tamén terá un horario de 9 a 3 horas de luns a venres e de 10 a 3 horas as fins de semana. Os máis de 1.600 postos de lectura cos que conta esta biblioteca permiten dar cobertura á demanda de todas as titulacións do campus de Lugo durante a época de exames.