A USC restrinxe as visitas turísticas á biblioteca de Historia

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

SANDRA ALONSO

Tan só se poderá visitar a través do programa de visitas guiadas ao patrimonio que xestiona a Universidade

14 novs 2017 . Actualizado ás 18:00 h.

Finalmente, a Universidade de Santiago tomou a decisión de restrinxir as visitas turísticas á biblioteca da Facultade de Historia, unha posibilidade que xa estaba a barallar cando os estudantes reclamaron que se ordenasen as visitas, xa que moitas veces interrompían o traballo de universitarios e investigadores na sala de lectura. A partir de agora, tan só se poderá realizar unha visita turística ás instalacións a través do programa de visitas guiadas que xestiona a propia institución, e que «contempla dúas visitas diarias en horarios de baixa incidencia na actividade cotiá do centro». O resto do tempo, á biblioteca só poderán acceder o alumnado e o persoal da USC.

A organización estudantil Acción Universitaria iniciou a semana pasada unha campaña para reclamar unha regulación dos horarios de visita turística da biblioteca, visitas que se sucedían de xeito continuado durante toda a xornada e que en ocasións incluían grupos de máis dunha vintena de persoas. A institución mostrouse desde o primeiro momento de acordo coa necesidade de establecer algún tipo de restrición para compatibilizar usos.