Santa Comba esixe solución á parálise da mellora do viario a Santiago

e. f. SANTA COMBA / LA VOZ

SANTA COMBA

25 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois de vinte anos de promesas incumpridas, a mellora das comunicacións entre Santa Comba e Santiago segue á espera dun investimento que non acaba de chegar, o cal pode sentenciar á comarca, que clama ante o abandono por parte das institucións. Hai representantes sociais que indican que a paciencia dos xalleiros está a chegar ao límite porque fai máis de dez anos que a vía foi traspasada da Deputación á Xunta para que esta última impulsase a súa mellora e en máis dunha década de promesas a realidade é que se fixeron dous quilómetros de trazado novo.

Tampouco parece terse en conta a alta sinistralidade da vía, indican as mesmas fontes, tanto da capital do Xallas a Portomouro, de titularidade autonómica, como desde a localidade dubresa ata Santiago, tramo pertencente á rede provincial da Deputación. Fai máis de tres anos que a Xunta prometeu a redacción do proxecto da segunda fase ata Faílde, pero segue sen data de finalización e o investimento para os novos tramos da AC-406 parece agora depender dos fondos Next Generation, o que está a dar que falar en Santa Comba, xa que inicialmente se trataba de investimento de fondos propios da Administración autonómica. A falta de investimentos comeza a xerar un ambiente de inconformismo.