Veciños de Santa Comba esixen a mellora do viario de San Salvador

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTA COMBA

Armados de chifres, pancartas, altofalantes e ata unha gaita, preto de medio centenar de persoas percorreron varias rúas coa súa protesta

05 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

Armados de chifres, pancartas, altofalantes e ata unha gaita, preto de medio centenar de persoas percorreron onte as rúas de Santa Comba para esixir a mellora do viario de San Salvador ao berro de «queremos estrada». Xa fronte á casa consistorial, cunha caixa de cartón que simulaba un cadaleito e rezaba «Santa Comba ¡morre! Miremos polo rural», reclamaron «unhas infraestruturas en condicións», así como un maior investimento nas parroquias afastadas dos núcleos máis poboados.

A manifestación, organizada pola asociacións de veciños de San Salvador e de Grixoa de Esternande-Minas de Varilongo, tiña como obxectivo a reparación urxente do viario. «Fai máis de 20 anos que nos prometeron unha estrada máis ancha e con mellor firme. Actualmente está chea de buratos e é tan estreita que non permite o paso de dous vehículos sen risco de accidente. Por ela circulan, ademais, camións de gran tonelaxe», indican. Lembran, así mesmo, que «os veciños de San Salvador cedéronlle 220.000 euros ao Concello para arranxar unha parte do trazado, e seguimos agardando».