A plataforma contra os eólicos de tres municipios marchan en sinal de protesta

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

SANTA COMBA

BASILIO BELLO

Case cen presentas participaron nunha camiñada polos lugares afectados de Santa Comba, Carballo e Coristanco

13 oct 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

Case un centenar de persoas participaron onte na marcha contra os futuros parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural, que afectan os municipios de Coristanco (23 aeroxeradores, na parroquia de Seavia), Carballo (dúas, preto de Vilela de Entrecruces) e Santa Comba (outros dous, en Castriz). O proxecto inclúe pistas, estacións colectoras ou a liña de alta tensión.

Os participantes na marcha percorreron todos os lugares nos que estarán os muíños, empezando en Vilela, sobre as 10.00 da mañá, e rematando na fervenza de Castriz, non lonxe de onde haberá dous aeroxeradores, sobre as 13.00 horas. Non foi unha ruta doado, xa que os nove quilómetros e medio por terras altas houbo que realizalos no medio de choiva, frío e vento. Aínda así, a participación foi boa. En cada zona íanse unindo os veciños, polos lugares de Abelenda e Mira, sobre todo. Xunto á fervenza había máis agardando.

Os camiñantes portaban pancartas e consignas nun acto reivindicativo organizado pola plataforma que aglutina o rexeitamento ás novas instalacións (e que xa deu conta diso no pleno do mes pasado en Carballo), e que contou coa colaboración de Senda Nova. Tamén estiveron os afectados por outros plans eólicos da comarca de Ordes.

A plataforma denuncia, entre outros aspectos, que algún dos aeroxeradores que se van instalar estará a menos de 500 metros das vivendas, distancia que marca o Plan Eólico de Galicia, como ocorre cunha casa en Vilela. Ou que a incidencia nas demais vai ser moi alta, e puxeron o caso do parque de Monte Castelo, no que os aeroxeradores son moito máis pequenos, e con menor potencia, dos anunciados para os novos parques. Nese caso hai 25 muíños e, segundo sinalan desde a entidade, son moi molestos para os veciños, incluso estando máis aló dos límites legais, «e poden oírse mesmo dentro das vivendas en Mira», engade a plataforma. «E Mira está a máis dun quilómetro de distancia do parque do Castelo», explica a asociación.

Tamén critican o solapamiento de zonas de incidencia dun parque eólico e outro: «En Mira, dous aeroxeradores coinciden dentro da área dos tres parques á vez, un dos sinais de que estes tres son un megaparque fragmentado de xeito artificial para aproveitar a nova lei de iniciativas da Xunta e evitar estudos de impacto ambiental máis esixentes», aseguran. Ao termo da marcha, a plataforma leu un manifesto no que insistiron nas razóns que xustifican o seu rexeitamento.