O Sergas responde que non hai médicos ante as queixas en Rois por non cubrir as vacacións dun

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

O PSOE considera que a dotación de persoal (dúas doutoras en Rois e un en Urdilde) xa é «insuficiente» para atender á poboación municipal durante todo o ano

30 jul 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

A xerencia da área Sanitaria de Santiago traballa nunha reorganización para cubrir ausencias de médicos por vacacións e tratar de evitar o que está a pasar no centro de saúde de Rois , no que non cubriu os días de descanso dunha doutora, fóra de dúas ata agora. O Sergas asegura que «non existía máis dispoñibilidade de facultativos para a contratación».

O grupo socialista de Rois fala directamente de «recortes en sanidade» ao quedar o centro de saúde atendido unicamente por unha doutora e unha enfermeira, que deben asumir a carga de traballo das súas compañeiras. A esta denuncia súmanse tamén as queixas dalgúns veciños. O PSOE considera que a dotación de persoal (dúas doutoras en Rois e un en Urdilde) xa é «insuficiente» para atender á poboación municipal durante todo o ano e máis agora en período de vacacións, cando quedan en activo unha doutora no primeiro centro, ademais do que atende no segundo.

A iso hai que engadir, ademais, a ausencia do pediatra durante o mes de xullo, cuxas vacacións tampouco se cobren por falta de profesionais, aínda que neste caso os nenos menores de tres anos son atendidos pola especialista de Padrón . Os de máis idade son derivados ao médico de familia dos pais, coa consecuente sobrecarga para eles.

«A falta de substitución do persoal sanitario durante as vacacións provoca o colapso na atención, ademais de enfado en pacientes e os profesionais», declara a edila socialista Patricia Ces, e engade que «nun concello coa poboación envellecida como o de Rois hai máis atencións domiciliarias que implican desprazamentos e tempo, o que xera retraso no servizo sanitario programado». Para este grupo, «o normal sería que tódolos profesionais fosen substituídos durante as vacacións para que a atención fose digna». En calquera caso, lembra que os médicos non teñen a culpa de que non se cubran as súas ausencias.