A familia do veciño que faltou da súa casa en Rois agradece a axuda recibida

ou. lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

CEDIDA

Foi unha axente forestal, xunto cun veciño, a que na mañá do luns atopou ao home de 80 anos, en bo estado

05 may 2021 . Actualizado ás 23:39 h.

A familia do veciño de Rois que estivo desaparecido da súa casa durante máis de doce horas (incluída a noite) aínda se recupera do susto vivido, pero tamén quere agradecer publicamente a axuda recibida a través do operativo de procura montado para a localización do home, que reside na aldea de Vilar de Abade, na parroquia de Sorribas. Vive coa súa sobriña, que conta que o viu por última vez o domingo sobre as sete da tarde, cando o viu marchar e pensou que ía a casa da súa irmá, como facía outras veces. Á hora para cear, sobre as 21,45 horas da noite, botouno en falta e mirou se estaba na sala, vendo a televisión, no seu cuarto ou no baño. Ao non velo, "xa me dei conta de que faltaba da casa", relata a sobriña, que chamou ao servizo de urxencias 112. 

Leste mobilizou un operativo de procura, no que participaron o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón, Protección Civil de Rois, Garda Civil, axentes ambientais e bombeiros forestais. A iso sumáronse familiares e veciños do desaparecido que, entre as dez da noite e as seis da mañá, peitearon o monte próximo á aldea. O home foi atopado sobre as doce do mediodía do luns, por unha axente forestal e un veciño. Estaba sentado nunha pedra no monte e o primeiro que dixo foi "estou perdido".

A axente informoulle de que xa había un dispositivo para a súa procura. O veciño está ben de saúde, aínda que a súa sobriña desconfía de que poida acatarrarse "coa noite fría que lle caeu". Conta que el é unha persoa independente e que, segundo relatou, equivocouse de camiño de monte e desorientouse. "Houbo moita sorte de atopalo e de atopalo ben", di a sobriña que quere agradecer a axuda de todos e, en especial, do alcalde de Rois, Ramón Tojo , que se presentou na súa casa á primeira hora do luns e mobilizou máis medios.

"Traballouse moitísimo para encontrar a meu tío; de noite éramos moitos e pola mañá viña máis xente para peinar o monte de forma máis completa", sinala a sobriña, que explica que a zona na que apareceu o seu tío xa fora revisada antes polo que entende que o home estivo deitado durante a noite. Temeuse que lle houbese "dado unha volta" porque durante toda a noite o chamaron polo seu nome e non respondeu.   

Entre os medios mobilizados para a procura, a Dirección Xeral de Defensa do Monte achegou catro axentes e tres brigadas de bombeiros forestais. Un dos seus efectivos foi o que atopou ao home, xunto cun veciño, concluíndo con éxito a procura.

 O alcalde Ramón Tojo tamén agradeceu, en nome do Concello, toda a axuda recibida dentro do operativo mobilizado para a procura.