Os veciños están a pór en valor as orixes da aldea, que permite contar a historia da arquitectura popular
08 mares 2020 . Actualizado ás 05:05 h.Que a aldea de Angueira de Castro é a máis bonita de Rois e, talvez, tamén da comarca era sabido, á vista da súa localización na contorna do Castro Lupario e das casas e outras edificacións de pedra (hórreos) que a conforman, exemplo para moitos de moi boa conservación do patrimonio recibido. Os veciños do lugar están aproveitando a loita para evitar a instalación dunha liña de alta tensión para facer un colectivo» do patrimonio do núcleo, que permite contar, segundo din, a historia da arquitectura popular galega, empezando por aquelas casas primitivas dunha única planta e portas de 1,70 metros de alto, das que aínda quedan varios exemplos na aldea, ata as intermedias cun sobrado e outras máis recentes e vistosas, posteriores ao século XVII e con máis dun piso.
Para iso, os veciños están a plasmar en papel cada unha das edificacións da aldea e como se relacionaban unhas coas outras. O punto de partida é a chamada torre que, segundo están a descubrir, tivo un carácter defensivo. Situada de lado do único camiño que conducía ao Castro Lupario, ao redor dela creceu a aldea empezando polas casas primitivas, ás que seguiron as dun sobrado e, posteriormente, as máis recentes.
Hoxe todo está habitado e rehabilitado, cun «respeto moi grande pola arquitectura popular», tal e como sinala un veciño, e cun gusto exquisito, de modo que hai quen restaura coas súas propias mans e, nalgún caso, persoas estranxeiras que elixiron Angueira de Castro para asentarse.
Por iso, na aldea consideran que, a escasos dez quilómetros de Santiago, Angueira de Castro é un bo exemplo para contar a historia da arquitectura popular galega, polo que creen que se merece a protección institucional, máis aló da que xa lle dan os propios veciños, para evitar que o proxecto da liña de alta tensión rompa o conxunto formado polo castro e o núcleo. Para ese conxunto demandan a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).
Á vez que as pedras das casas sérvenlles de documentación para saber máis da orixe do lugar, están a descubrir patrimonio descoñecido, como varios petróglifos. De feito, tres arqueólogos preparan un informe que sirva como argumento definitivo para rexeitar o proxecto da liña de alta tensión que, pese ao impacto negativo inicial, está a permitirlles descubrir as orixes e a historia da aldea, na que aínda quedan veciños autóctonos, como María, que reside na torre defensiva. «Agora miramos pola ventá e vemos montes e árbores; despois miraremos para as torres da liña», di con pena esta muller de 85 anos, exemplo, ademais, da mellor hospitalidade das xentes das aldeas.