Veciños de Rois reclaman que se elimine un vertedoiro ilegal

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

MERCE ARES

Está situado nunha zona de monte, preto de Cornes e O Aido

15 novs 2018 . Actualizado ás 05:05 h.

Unha zona de monte situada preto das aldeas de Cornes e O Aido, no municipio de Rois, vai camiño de converterse nun vertedoiro incontrolado, tal e como denuncian veciños do lugar. Nestes momentos hai depositados restos de obra, como bloques de cemento, viguetas ou azulexos, e de podas de árbores e doutros traballos agrícolas, de modo que estas últimas tapan mesmo o propio cascallo, que nunha parte non parece proceder de obras pequenas. A zona está situada ao carón da pista subida ao monte, á altura da decantadora municipal de Cornes, que é accesible nun vehículo pero que queda un pouco resgardada.

Nun das árbores da pista hai un cartel que indica a prohibición de tirar lixo, pero parece que non serve de nada. Hai quen di que outros carteis similares «foron arrincados» e que mesmo é o propio Concello, en concreto a brigada de obras, o que deposita residuos neste punto.

«O vertedoiro está moi activo e a propia brigada do Concello utilízao, o que me fai pensar que somos un vertedoiro municipal», explica un veciño. «Sexa quen sexa o que bota o lixo, non se pode consentir», di Pere Tobaruela, o edil do grupo político Xente de Rois, que fixo públicas as queixas dos veciños pola existencia do vertedoiro ilegal.

Ademais da acumulación de lixo, hai outro tema que preocupa especialmente a estes veciños, e é que o vertedoiro está situado nun barranco do monte que dá cara á estrada que conduce a Urdilde, aínda que está a certa distancia. No entanto, existe temor a que, co lixo depositado, poida haber filtracións de auga en días de moita choiva e «propiciar un desprendemento que, sen dúbida, chegaría á estrada», advirte un veciño, que engade que «xa nalgunha ocasión ten chegado a caer na estrada algunha rocha de grandes dimensións».

«O Concello ten que actuar», sinala Pere Tobaruela, para evitar que esta zona de monte convértase nun vertedoiro incontrolado, como moitos que había outrora. De feito, preto de alí, xunto á pequena capela do Aido, chegou a haber outra zona de vertidos pero, tras varias inspeccións da Policía Autonómica, está inactivo, afirman veciños da zona, que piden medidas para erradicar o lixo do monte.