Condenada por perseguir o bus escolar en Padrón para coaccionar a unha moza enfrontada co seu fillo
PADRÓN
A muller hostigaba e intimidaba á adolescente con insultos tanto na parada do instituto como fronte ao seu domicilio
01 dic 2025 . Actualizado á 19:48 h.A sección sexta da Audiencia Provincial de Santiago acaba de confirmar a condena a unha muller e ao seu fillo por hostigar e intimidar reiteradamente a unha moza, menor de idade no momento no que se produciron os feitos, que estudaba no mesmo centro escolar do partido xudicial de Padrón que un alumno, fillo e irmán dos acusados, e co que este último tivera diversos incidentes que lles enfrontaran.
A pena que lles impuxo en primeira instancia un xulgado padronés foi de 540 euros de multa a cada un como autores dun delito leve de coaccións e impediulles ademais achegarse a menos de cen metros de distancia da moza durante seis meses. Eles apelaron, pero os maxistrados do tribunal compostelán rexeitaron todas as súas alegacións e confirmaron o fallo.
A sentenza explica como tras ese enfrontamento cun compañeiro de estudos, a nai e o irmán dese mozo comezaron a hostigarla, insultala e intimidala «reiteradamente» e que a principios do curso 2023-2024 «comezaron a agardar a menor na parada onde se baixaba do autobús escolar para regresar ao seu domicilio despois de asistir ao instituto».
Nesa fustrigación organizada ao que a someteron, tamén acudiron en diversas ocasións á súa casa para proferir insultos contra a menor, fundamentalmente a nai do compañeiro de clase da vítima «quen lle dicía xabaril e pendexa», recolle a resolución xudicial.
Para evitar esa situación, os pais da menor optaron por cambiar de parada á súa filla e esquivar así á nai e o irmán do compañeiro que a tiñan sometida a esas coaccións. Con todo, cando o 22 de setembro do 2023 os acusados viron que a nena non se baixaba no lugar de costume, subíronse ao seu coche e perseguiron ao bus escolar ata a seguinte parada. Alí viron como a vítima era recollida por un veciño noutro vehículo para levala a casa e tamén o seguiron ata o domicilio, onde pasaron «circulando lentamente e mirando cara á vivenda, aínda que non se detiveron ao detectar a presenza de varias persoas no lugar», sinala a sentenza.