«Padrón é un lugar bastante aceptable para as persoas que temos mobilidade reducida»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O veciño José Manuel Cajaraville bota en falta poder acceder ao convento do Carmen, un lugar con barreiras arquitectónicas

28 novs 2021 . Actualizado ás 09:07 h.

Á pregunta de como está Padrón en materia de barreiras arquitectónicas?, o veciño de 78 anos José Manuel Cajaraville Fontán, que desde hai dúas décadas móvese en cadeira de rodas, o primeiro que responde é «eu non son unha persoa de queixarme». Cajaraville forma parte da veciñanza das rúas de Padrón, nas que se pode ver a diario paseando na súa cadeira de rodas eléctrica. «Nela vou a onde sexa, desenvólveme perfectamente», afirma.

Desde esa posición, considera que a vila é un lugar «bastante aceptable» en canto á supresión de barreiras arquitectónicas, aínda que engade «non hai cousa que non se poida mellorar» e menciona, por exemplo, o pavimento das rúas, que «non é regular». Tampouco pode acceder á primeira planta da Casa do Concello pero, se o necesita, o persoal, o alcalde ou outro concelleiro baixan a atenderlle, segundo conta, aínda que é certo que aos plenos non pode asistir porque se celebran no primeiro piso e non hai dispositivo para salvar as escaleiras do edificio.

Dóelle máis, talvez, non poder acceder ao convento do Carmen cando se celebran actividades do tipo de exposicións de pintura, plantas ou doutro tipo. «Habendo un lugar como o centro social, a quen se lle ocorre levar alí unha exposición?», pregunta. José Manuel Cajaraville deu o seu apoio a un partido político alternativo que, en máis dunha ocasión, denunciou a inaccesibilidade do convento, pero sen éxito.

A pintura é, precisamente, unha das paixóns da súa vida, xunto coa escritura, aínda que as súas mans agora non están nin para unha cousa nin para a outra. «Se puidera facelo sería a persoa máis feliz do mundo porque teño moito que contar», di.

Entre as súas vivencias, un nacemento marcado xa pola enfermidade, que lle provocou sempre problemas de mobilidade ata quedar na cadeira de rodas, a pesar das múltiples operacións.

«Eu nunca me considerei un inválido, xamais, todo o contrario; dáme máis pena ver a un que vai andando e con visos de quedar inválido», conta José Manuel Cajaraville. Neste sentido, reivindica maior visibilidade para as persoas con algún tipo de discapacidade, xa sexa física ou psíquica.

«Hai que darlle visibilidade aos que teñen algún tipo de invalidez»

«Antes parecía que se lle facía de menos cando eu penso que hai que dalas a ver», di en alusión ás persoas con algún tipo de discapacidade. «Eu por exemplo sempre deixei que miraran para min e me preguntaran que me pasou», engade. En cadeira, sae todos os días de casa e non falta aos seus paseos polo Xardín Botánico e polo Paseo do Espolón. «Dou unha volta polo pobo e saúdo a moita xente. Máis de 200 saúdos ao día podo dalos perfectamente porque é tremendo a xente que me coñece aínda da ferretería», di en alusión ao negocio familiar no que traballou. Cajaraville declara o seu amor cara a Padrón, «un lugar tranquilo; ás veces demasiado e igual lle facía falta insuflar algo de vida», asegura.