Suspenden a actividade do bar de Padrón cuxo ruído obrigou a unha familia a mudarse

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Os afectados, que residen de alugueiro na localidade do Sar, non volverán á súa casa

26 oct 2021 . Actualizado ás 00:08 h.

A familia de Padrón que tivo que abandonar a súa casa polo ruído procedente do local de hostalería situado na planta baixa do edificio recibiu unha notificación do Concello na que este suspende de forma cautelar a actividade desenvolvida no establecemento. Así o solicitou hai un ano José Ramón Lorenzo Agrelo, que pediu a suspensión da actividade mentres o local non se adaptase á normativa.

Este veciño de Padrón adquiriu no 2003 o piso situado na rúa Alonso da Pena, no centro histórico padronés. A súa familia, con dous nenos, viuse obrigada a irse da vivenda en maio de 2017 «ante a imposibilidade de poder descansar durante a fin de semana, as noites dos venres e sábados polo tremendo ruído e o incumprimento de horario» do local de hostalería. Entre xaneiro e outubro do 2017 denunciou dez veces os ruídos procedentes do local ata que, finalmente, decidiu abandonar o seu piso e denunciou na vía xudicial.

Mentres agarda o xuízo, que foi aprazado dúas veces e agora está fixado para outubro do 2022, recibiu a comunicación da suspensión cautelar da actividade do local, así como a incoación dun expediente de reposición da legalidade, todo iso decretado polo alcalde en base a un informe xurídico de setembro deste ano. Esa suspensión da actividade será efectiva durante a tramitación do procedemento de reposición de legalidade, aínda que o establecemento xa permanece pechado.

No informe xurídico redactado polo asesor do Concello recóllese que a licenza municipal de apertura do establecemento de hostalería é de setembro do 1998 e que, posteriormente, non consta solicitado nin outorgado ningún permiso ou comunicación previa de obras de acondicionamento do local, que abriu como café bar pero que funcionaba, de acordo coa denuncia xudicial presentada pola familia afectada, «como un pub, incumprindo tanto a licenza como o horario de peche, coa música a todo volume e con xente na rúa provocando un ruído que non permite descansar».

Deste xeito, sen obras de acondicionamento, o local «non cumpre en materia de accesibilidade, de seguridade de protección contra incendios, contra ruídos, en materia de ventilación e iluminación», ademais de que «carece de illamento acústico e compróbase a existencia de equipos de música», segundo consta nun informe redactado polo Concello tras unha inspección.

A familia valora como «positiva» a decisión de suspender a actividade, tendo en conta ademais que, en todo este tempo, desesperoulle a inacción do Concello por non abrir expediente ante os incumprimentos denunciados. Para os afectados, a suspensión da actividade demostra que «o de irnos de casa non foi unha caprichada», pero asegura que «non nos apetece volver; pasámolo moi mal, estamos moi queimados e só volveriamos por necesidade».

A familia afectada ten denunciados aos responsables do bar por un suposto delito de contaminación acústica, acusación á que tamén se suma o Ministerio Fiscal.