Asnot volve encher Padrón de glamur

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

A parodia canalla celebrouse cun pícnic no Xardín que completou o aforo

02 ago 2021 . Actualizado ás 23:16 h.

Tras a cancelación de 2020 pola pandemia, a covid non puido este ano coa parodia canalla do Asnot de Padrón. Ás catro e media da tarde de onte, a raíña da comunidade Asnot abriu por primeira vez os xardíns de palacio (Botánico Artístico) para ofrecer un pícnic con fins sociais ao que asistiron preto de 200 persoas, repartidas en 30 mesas de seis, conforme á normativa sanitaria.

Organizado por Asnot Asociación Cultural e coa axuda principal do Xacobeo, da marca Estrella Galicia e o apoio do Concello de Padrón, o evento ofreceu unha tarde de música, teatro e outras manifestacións artísticas, cunha entrada na que a metade do diñeiro irá a fins sociais.

Ataviados con sombreiros, pamelas e tocados, ademais doutras galas elegantes e orixinais, sen desmerecer o estilo das carreiras de cabalos de Ascot, ás que parodia, os asistentes foron recibidos pola Banda de Música Municipal de Padrón mentres agardaban a chegada da Raíña e antes de gozar da música dunha banda de Vigo, que ofreceu temas de estilo swing, jazz y blues, entre outros. A última en aparecer foi Amy Winehouse, o tributo da banda galega liderada por Patricia Moon.

O Asnot foi aprazado por mal tempo do día 24 de xullo e, pese a iso, onte encheu o aforo, proba de que é un evento consolidado en Padrón e con futuro. Nel tamén houbo un espazo para os máis pequenos. Para acabar a tarde, a organización entregou o premio A Xoia Da Coroa á creación máis orixinal de entre os convidados do Asnot Garden Party e das persoas que posaron nos mini-photocalls instalados na hostalería colaboradora. No evento mesmo houbo moeda propia: o cuin.

A partir das dez da noite e xa fóra do recinto do Xardín, o ambiente continuou nas rúas da vila.