Hostalería pechada e mercado limitado a alimentos, en Padrón

ou. lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

09 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A entrada de Padrón en nivel máximo de restrición deixarase notar especialmente hoxe. O domingo é o día de máis actividade da semana na vila, pero hoxe será unha xornada totalmente atípica coa hostalería pechada e sen mercado ambulante, máis aló dos postos de alimentación.

A incidencia de casos estabilizouse a catorce días con 42 persoas infectadas mentres baixou a sete días (dezanove casos). O Sergas confirmou que no primeiro día do cribado da poboación participou o 74, 5 % dos citados. Falta por saber o dato do venres. En canto á hostalería e máis concretamente aos locais con licenza de restaurante, onte viviron unha situación peculiar ao ampliarse o horario de apertura, no seu caso, ata a unha da madrugada pero ás 00.00 horas entrou en vigor o nivel alto de restricións que lles obrigou a pechar.

Venda ambulante

Namentres, a decisión do Concello de limitar a venda do mercado aos postos de alimentación provocou o malestar da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos. O colectivo considera que o Concello discrimina ao comercio ambulante mentres o resto da actividade comercial está permitida no municipio. Tamén lembra que a feira de Padrón leva un ano «limitada ao 50% de comerciantes, mentres outros Concellos con mercados de similar tamaño se esforzan para buscar a mellor maneira de ampliar espazo e así facilitarlle o traballo a todo os ambulantes con licenza».