Veciños dunha aldea de Padrón piden mellorar accesos que limitan servizos

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Un camiño de Pedreda é tan estreito que impide pasar a unha ambulancia

05 mares 2021 . Actualizado ás 00:59 h.

Hai algo máis dun ano que o pleno do Concello de Padrón aprobou, a proposta do grupo socialista, que o goberno local faga as xestións necesarias para anchear un camiño no núcleo de Pedreda, que serve de acceso a catro vivendas do lugar. No entanto, os veciños afectados seguen agardando pola actuación e, un ano despois, máis «fartos» que nunca de facelo, porque, segundo relatan dúas familias, os acontecementos dos últimos meses demostran a necesidade de mellorar o camiño.

Así, contan que no último medio ano «foron en ambulancia veciños de todas as casas, excepto dunha» e, nalgún caso, en dúas ocasións. Noutro, a afectada xa optou por ir ao hospital no coche particular dos seus pais, a pesar da gravidade do seu estado, para non ter que pasar pola experiencia de ir en padiola desde a casa ata o camiño ao que chega o vehículo sanitario. «Ata é humillante», di a afectada, en alusión a algunha ocasión en que o enfermo foi levado ata a ambulancia en padiola e tapado cun plástico porque chovía.

«Non pedimos unha avenida nin que poida pasar o camión dunha orquestra», sinalan dúas veciñas, que reclaman un «camiño digno para Pedreda». Unha delas dirixiuse ao Concello, vía telemática, para interesarse pola tramitación do acordo plenario, pero aínda está a agardar resposta. «É desalentador que non fagan nada nin que non che contesten», di. Aseguran que poden entender que o Concello alegue que a obra é custosa ou que non hai fondos por agora, polo que piden que, polo menos, falen cunha veciña para que permita que se retire un poste de pedra ou unhas escaleiras que entorpecen o camiño, no que é difícil circular pola súa estreiteza.

De feito, un repartidor non pode levar a mercancía ata as vivendas e os veciños teñen que recollelas no acceso principal da aldea.

Desde o Concello explican que non se avanzou nada no tema porque non está claro que o camiño sexa público, ao non figurar como tal no PXOU nin no inventario municipal de bens, o que condiciona calquera tipo de actuación. Tamén sinalan que falaron cun familiar da veciña que ten que ceder para a mellora, pero que esta non o fará.