A rehabilitación integral dunha casa antiga xunto ao río Sar e á igrexa de Padrón embelecerá a zona

ou. lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O inmoble estaba completamente arruinado, tanto que o interior foi derrubado e só quedaron en pé os muros exteriores

28 feb 2021 . Actualizado ás 05:05 h.

A contorna da igrexa parroquial de Padrón e do río Sar embelecerase e revalorizará coa restauración integral dunha casa antiga por parte dunha parella de veciños da vila, Severino García, de 40 anos, e Eva Fabeiro, de 42. A casa está situada na rúa A Barca. A pequena construción primitiva data no Catastro do ano 1900 e, posteriormente, fixéronlle un engadido. O inmoble estaba completamente arruinado, tanto que o interior foi derrubado e só quedaron en pé os muros exteriores, conforme ao establecido por Patrimonio e Augas de Galicia.

«A casa estaba moi mal, tiña o tellado practicamente caído», asegura Severino García. A parella reside nun piso en Padrón e levaba un tempo pensando en adquirir unha casa. Un día, paseando, viron o cartel de venda do inmoble, que foi embargado e pertencía a unha entidade bancaria.

«Tardamos un tempo en decidirnos en adquirila e, antes de facelo, preguntamos as condicións para a rehabilitación», explica Eva Fabeiro. Así, pasaron dous anos desde que a compraron ata que empezaron as obras de rehabilitación, que realiza a empresa Márquez de Padrón.

«Cando rehabilitas unha casa así, está claro que o fas para ti pero, ao mesmo tempo, dáslle valor á contorna, ao pobo», engade a parella, que opina que Padrón gañaría coa restauración doutras casas que están en mal estado ou mesmo en ruína. «Cando paseas por Padrón ves que hai zonas que están descoidadas», opinan.

Sobre a rehabilitación, aseguran que «leva o seu tempo e iso que desde o Concello nos axudaron moitísimo» e, en particular, mencionan ao arquitecto da Oficina de Rehabilitación, Ramón Rey . «Daba pena ver a casa, hai fotografías antigas tomadas desde a ponte do Carmen nas que se ve unha vista bonita», di Eva. Esa imaxe vai camiño de volver ser unha realidade, coa recuperación da vivenda e, ao mesmo tempo, da contorna.