O GES de Padrón asume por agora as urxencias de Cesures, Valga e Catoira

ou. lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

A Xunta entrégalle un camión equipado para o servizo

21 ene 2020 . Actualizado ás 05:05 h.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón recibiu onte un novo vehículo para o servizo, nun acto ao que asistiron o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda e o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, entre outras autoridades. Ambos confirmaron que o GES de Padrón asume temporalmente as urxencias dos concellos de Pontecesures, Valga e Catoira, na provincia de Pontevedra. Faino despois de que deixase de operar o GES de Valga e á espera de que a Xunta active «canto antes» un grupo de urxencias no concello de Caldas, segundo explicou Alfonso Rueda.

O alcalde de Padrón agradeceu á Xunta «a sensibilidade» que demostra cara ao tema das urxencias e, en concreto, o «apoio que sempre dá a noso comarca» na que, segundo dixo, «as emerxencias quedan plenamente cubertas». Alfonso Rueda asegurou que a Xunta segue co plan de dotar de equipos aos servizos de urxencias para cumprir o obxectivo de que, independentemente de onde se viva, haxa un servizo que poida atender unha urxencia nun «prazo razoable».

O vehículo entregado é un camión totalmente equipado para todo tipo de intervencións, tanto en áreas urbanas como rurais.