O GES de Padrón asume temporalmente as urxencias de Pontecesures, Valga e Catoira

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

Farao mentres a Xunta non pon en marcha un grupo no concello de Caldas

20 ene 2020 . Actualizado ás 14:27 h.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Padrón recibiu esta mañá un novo camión para o servizo, nun acto que presidiu o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda e o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira. Rueda e Fernández confirmaron que o GES de Padrón asume temporalmente as urxencias dos concellos de Pontecesures , Valga e Catoira, na provincia de Pontevedra. Faino despois de que deixase de operar o GES de Valga e á espera de que a Xunta active "canto antes" un grupo de urxencias no concello de Caldas, segundo explicou Alfonso Rueda.

Ao acto de entrega do novo camión han asistido, ademais, o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro; o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Urxencias (AXEGA), Marcos Araújo; os alcaldes de Pontecesures e Dodro; o tenente de alcalde de Rois ; concelleiros do goberno local de Padrón e da oposición; edís do goberno de Dodro e os membros do GES padronés, incluída a unidade canina, ademais de representantes do de Brión.

O alcalde de Padrón agradeceu á Xunta "a sensibilidade" que mostra cara ao tema das urxencias e, en concreto, o "apoio que sempre dá ao noso comarca" na que, segundo dixo, "as emerxencias quedan plenamente cubertas". 

Pola súa banda, Alfonso Rueda asegurou que o Goberno galego segue co plan de dotar de equipos aos servizos de urxencias, tanto profesionais como de voluntarios, para cumprir o obxectivo de que, indepedientemente de onde se viva, haxa un servizo que poida atender unha urxencia nun "prazo razoable".   

O vicepresidente da Xunta destacou que este novo vehículo permite actuar con maior mobilidade e garante a eficacia e a seguridade en intervencións como incendios urbanos, forestais ou industriais, así como en accidentes de tráfico con feridos ou en rescates. O vehículo entregado ao GES é un camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP) totalmente equipado para todo tipo de intervencións tanto en áreas urbanas como do rural, coas mesmas características aos que o Goberno galego xa entregou aos GES dos concellos de Mugardos e O Pereiro de Aguiar e nos que investiu preto de 200.000 euros na adquisición de cada vehículo. Ten unha cisterna con capacidade para 3.000 litros de auga.