E Kiko a lio en Padrón

PADRÓN

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Dicía Óscar Wilde que o importante é que falen dun, aínda que sexa mal. Por iso, o Concello de Padrón debería facer de necesidade virtude, aproveitar o privilexio de ser a terra de Rosalía e de Don Camilo e engadir o tirón da bobada que tanto se estila ultimamente.

En pleno cambio de goberno, de debates sobre posados fronte á Moncloa e coa tolemia da precampaña para as eleccións autonómicas, vai e cóallenos en Padrón o fillo da tonadilleira que perdeu o rumbo por un amor equivocado e pola peor das paixóns: o diñeiro, que como dicía a miña avoa, é a cousa máis perigosa do mundo porque adoita endemoniar a quen o posúe.

Demasiado interese esperta a vida, que non obra e milagres, de quen se pasa de freada unha noite calquera. E, sobre todo, demasiado caso recibe. Co tempo, e salvando as distancias no que a antecedentes delituosos se refire, talvez ao fillo da tonadilleira a pase como a Laureano Oubiña, que pon un posto no mercadillo de Padrón e o seu xénero pasa en grao sumo desapercibido porque o seu gracejo non chega á altura de quen anuncia xénero de viva voz e a moi bo prezo.

Teño a intuición de que tardaremos en velo, entre outras cousas por un recordo que non me quito de amais . Hai anos, en plena conversación na Feira do San Martiño sobre un cabalo ao que nin a vida nin o dono habíanlle sorrido, o dono saíu coa graza de comparar as preguntas e o contexto coas aventuras televisivas da raíña do pobo cuxo nome non penso reproducir. O peor chegou cando o mal susurrador de cabalos puxo prezo ás súas exclusiva. E aquí déixoo...