Desde esta nave de Padrón saen as luces de Nadal para media Galicia

Patricia Calveiro Iglesias
Patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Iluminacións Santiaguesas fixo a instalación tanto de festivais como para a visita dun papa

24 dic 2019 . Actualizado ás 09:28 h.

Din que Papá Noel ten o seu taller en Laponia e os Reis Magos viaxan desde Oriente cos seus agasallos, pero tamén desde Padrón repártese moita maxia por estas datas. No parque empresarial de Apicaraña está a nave de Iluminacións Santiaguesas, da que saíron as luces de Nadal para media Galicia. Este ano, puxeron brillo ás frías noites de inverno en Santiago, Ames, Arzúa, Melide, Palas de Rei, A Illa, Vilagarcía, Cuntis, Catoira, Muros, Noia, Outes, A Pobra, Boiro, Rianxo, Vilalba, Fox, Burela, Cedeira, Mugardos, Culleredo, Carballo, Cee, Muxía, entre outros concellos. O camión da empresa familiar con sede en Ames parece estar en todas partes estes días (nos que toca repor o lucerío que o temporal tirou), coma se tivese a velocidade renosónica do trineo de Santa. O obxectivo, acender a ilusión nas rúas dos distintos municipios galegos que contaron cos seus servizos. A cargo de esta encomiable tarefa está Puri Cagide, como xerente da firma. Miguel Vázquez é a súa man dereita, quen se encarga en parte de coordinar e tamén de remangarse para facer a instalación. É, desde fai practicamente un lustro, o responsable da iluminación do Nadal en Compostela, a súa cidade. O seu fillo, Tomás Vázquez, é quen fai o deseño. E asegura que esta vez puxeron «moitas máis luces e en máis sitios. Este ano fun a algunha rúa na que nunca antes as puxo, como en Pelamios ou detrás do Parlamento, por exemplo», conta. Iluminacións Santiaguesas está a piques de cumprir 30 anos de actividade como tal, aínda que naceu como evolución de Iluminacións Vázquez, fundada en 1980. Entre os moitos proxectos que levou a cabo neste tempo, encargouse de crear ambiente festivo en multitude de festas patronais —grandes e pequenas—, así como nos principais festivais e eventos celebrados en Galicia neste século. De feito, neles confiouse tanto a montaxe para o concerto dos Rolling Stones do Xacobeo 99 como o da visita do papa Bieito XVI. Por algo hai quen lles chama os magos das luces.