Padrón instala pasamanos e luz nas escaleiras do Santiaguiño

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Ilumina a subida e baixada do monte e facilita o acceso a pé

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:05 h.

As escaleiras de subida ao Santiaguiño do Monte contan desde hai uns días con pasamanos e iluminación, tras a obra realizada polo Concello e subvencionada pola Axencia Turismo de Galicia, dentro da liña de axudas a entidades locais para actuacións de mellora de infraestruturas turísticas no medio rural. Deste xeito, a actuación, que concluíu días atrás, tivo un custo de case 30.000 euros, dos que Turismo achegou máis de 23.000 euros.

Os traballos, realizados pola empresa Roomel, consistiron en colocar unha varanda de apoio desde as primeiras escaleiras ata as últimas, que leva incorporada unha luz, de modo que ilumina a subida ao monte os días escuros e de noite.

A maiores, o proxecto incluíu a colocación de nove puntos de luz incrustados na pedra do chan e oito pivotes. Estes últimos iluminan a zona desde que acaban as escaleiras ata a entrada á área recreativa do monte. Segundo explica a concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso, esta obra foi a primeira fase do proxecto de iluminación, que ten unha segunda para instalar luz no camiño cara á pequena capela e as penas desde as que, segundo a tradición, predicou o Apóstolo Santiago.

En canto á iluminación, a concelleira considera que «está moi ben integrada» na contorna, que gaña moito de noite e en horas de pouca luz, á vez que o pasamanos serve de «apoio para subir» unhas escaleiras un tanto empinadas. Todo iso, favorecerá, sin duda, que haxa máis visitas a unha zona de gran importancia para Padrón e para a súa condición de berce xacobeo, unha vez que nas penas do monte é onde, segundo a tradición, predicou o Apóstolo Santiago ao seu paso pola capital do Sar.

Por iso, o monte Santiaguiño é un dos espazos xacobeos que deben visitar os camiñantes que desexen obter a Pedronía, o certificado que expide o Concello tras ter peregrinado a Padrón. Na capital do Sar, os peregrinos deben visitar lugares xacobeos, como o Santiaguiño do Monte, o Pedrón (ara romana situada baixo o altar maior da igrexa parroquial) e outros como a igrexa de Iria-Flavia, antiga sede episcopal.

O Concello está, precisamente, promocionado o Camiño da Pedronía, o trazado histórico de Santiago a Padrón que está pendente de ser recoñecido oficialmente por parte da Xunta.