«Pasei medo, e cando o penso en frío doume conta de que me arrisquei»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Fernando Paz frustrou o intento de atraco ao seu comercio da Escravitude, en Padrón, por parte dun home tapado

20 novs 2019 . Actualizado ás 21:04 h.

Cunha tranquilidade abraiante, Fernando Paz, que rexenta a tenda Comercial Paz na Escravitude, no municipio de Padrón, relatou onte como foi o intento de atraco que sufriu o sábado ás sete da tarde e que el frustrou coma se nada. «Pasei medo, e cando o penso en frío doume conta de que me arrisquei», recoñeceu onte.

Fernando estaba na oficina na planta alta do negocio, situado a pé da vía N-550 e que ten estanco, bazar e ferraxería, cando escoitou o ruído da porta e baixou coa intención de atender a un cliente. Ao achegarse ao mostrador viu a un individuo «coa capucha posta e a cara tapada» de modo que só se lle avistaban os ollos, di. Na man, unha pistola, que a Fernando non lle pareceu de verdade.

O individuo levaba un bolso, que lle tirou a Fernando dicíndolle «dáme todo, que non che quero facer dano», segundo lembrou onte o comerciante. A este non lle soou o «suficientemente crible», polo que se achegou a el e preguntoulle «a onde vas, home?», á vez que o foi empurrando cara á porta. O atracador saíu ao exterior sen rechistar e quedou na porta, tal e como puido ver Fernando a pesar de que xa era de noite. «Parece que o estou vivindo», dicía onte o comerciante.

El non se atreveu a saír e aproveitou para avisar á súa nai e ao seu irmán para que lle trouxesen un teléfono desde o que poder chamar á Policía Local de Padrón. Pasado un tempo saíu ao exterior para ver se vía ao individuo, pero unicamente atopouse a un cliente que, ao comentarlle o sucedido, apresurouse a pechar o coche.

«Pareceume que era moi novo e que estaba nervioso, porque eu estábao, pero el tamén», explicou onte o comerciante. A nai engade que «non lle debeu parecer moi agresivo e por iso actuou así». Fernando Paz chamou á Policía Local de Padrón, que lle comunicou que só había un axente de servizo polo que había que avisar á Garda Civil. Chamou ao 062 e acudiu ao lugar unha patrulla de Porto do Son, que levou o bolso que deixou o atracador. A Policía Local, pola súa banda, percorreu as proximidades do establecemento para tratar de ver ao individuo. 

«Dáme rabia o pouco seguros que estamos», lamentouse onte Fernando Paz, que recoñece que ten medo de que «volva a pasar e, se así, a quen chamas?», preguntouse. Neste sentido, considera que non hai seguridade suficiente e sinala que «non era urxente, senón pobre de min», en alusión á vez que pasou ata que chegou a patrulla da Garda Civil de Porto do Son.

Na súa opinión, o sistema de quendas para as patrullas «non é efectivo, xa que vexo moita inseguridade», algo no que coinciden a súa nai e o seu irmán. Refírense a que, cando o posto da Garda Civil de Padrón está pechado polas tardes, noites e fins de semana, a patrulla padronesa se turna con Rianxo e Porto do Son para cubrir todo o territorio. «Pódese morrer un ata que chegue alguén a socorrerche», dixo onte a nai.

«Pareceume que era moi novo e que estaba nervioso. Eu tamén o estaba», di o comerciante

É o terceiro asalto en horario de atención ao público

Non é o primeiro intento de atraco que sofre este negocio da Escravitude en horario comercial. Houbo un anterior e outro consumado. O primeiro produciuse fai uns dez anos, segundo lembra a familia, cando unha muller entrou e fixo o xesto de apuntar cunha pistola debaixo da roupa. Ese día tamén estaba Fernando Paz e frustrou o atraco ao descubrir que se trataba dun dedo que apuntaba, segundo relatou onte. A muller nin sequera pediulle todo o que houbese na caixa polo que o comerciante xa desconfiou. O outro atraco tamén foi un sábado pola tarde e nesa ocasión estaba o irmán de Fernando. Ese día levaron o caixón co diñeiro. De noite, tamén sufriu varios roubos.